como capturar lóstregos

Nun documental, un home que leva 30 anos perseguindo lóstregos

Capturábaos cunha vella Minolta. 30 anos. Poderían ser máis de 15000. Non lembro a cifra das súas instantáneas, como tampouco lembro a dos millóns de galaxias posibles. 30 anos. Nerviosamente, contábao a cámara. Tanto alampo metido entre mans e vértebras, tantas noites sen durmir consultando radares, conducindo cun sandwich e unha cervexa e 30 rolos fotográficos ilusionados ás súas anchas na parte de atrás da furgoneta, contaxiáronlle un xeito de estar en fuga sobre o mundo. O tipo parecía un tic. Un tic nervioso. Un clic nervioso.

Eruption, by David O. Stillings
Eruption, by the Lightning Stalker

Adoito me deixan coa cullerada de iogur a medio camiño da boca ese tipo de personalidades: as que obsesionan con algo tan concreto tan concreto tan concreto como unha tese de doutoramento. Vou ser fotógrafo. Ben. Pero aínda máis: vou ser fotógrafo da natureza. Pois… ben, ben. Vou ser fotógrafo da natureza nocturna. Pois, non sei, de acordo. E estocada final na punta do cravo ardendo: Vou ser fotógrafo de alampos das tormentas nocturnas.

Que dicir ante tamaña infinitesimalidade?

Iso xa adquire as proporcións de concentración dun láser. Unha focalización tan aguda, tan minuciosa, que nos desarma: 20 anos saíndo todas as noites de maio a outubro a cazar lóstregos.  Todas as noites de maio a outubro en vela, lostregueado. Todas as noites de maio a outubro nun delongado clic de expectación. Todas as…

Hai un tempo busquei na rede información sobre volcáns.  Dei coas achegas fotográficas e audiovisuais dun home, un rapaz novo, que filmou de xeito amateur varias erupcións. Tamén fogos de artificio. E finsternis, esa palabra incriblemente medieval -e moi metal– que empregan os alemáns para os eclipses. Logo de cortarme o alento vendo varias das súas gravacións en youtube e flickr, namorarme perdidamente da súa audacia e envexar o seu especial talento para os abismos, entérome de que morreu hai algúns meses, precisamente filmando no Etna. Precipitou nunha greta tras esvarar no xeo. O seu traballo fotográfico mestura o fascinio polo temible, a beleza sobrenatural dos límites do natural e nel vexo indicios desa mesma laserización dunha teima, igual que no acosador de alampos, o lightning stalker.

Quédome coa sensibilidade do acosador de volcáns. Iso si, ambos os dous parécenme dignos dunha película de Werner Herzog.

Etna, by Thomas Reichart
Etna, by Thomas Reichart
Natural Lampion, by Thomas Reichart
Natural Lampion, by Thomas Reichart

Desce ao cráter do Yocul de Sneffels que a sombra do Scartaris acaricia antes das calendas de xullo, audaz viaxeiro, e chegarás ao centro da Terra, como cheguei eu. Arne Saknussemm”.  Jules Verne

Actualización: existe un modo artificial de conxelar un alampo en laboratorio, creando as chamadas figuras de Lichtenberg. Co Dynamitron de Newton Falls, por exemplo, en Ohio. Ohio. Os amish cos seus carromatos verdes pintados a man pasando ante o alpendre contiguo, que alberga un acelerador de partículas, un Dynamitron último modelo do universo coñecido.

Así que, ante semellante nova do Popular Science, caemos na conta de que un fenómeno tan primixenio como é o do espectáculo dunha tormenta eléctrica converteu -tamén- nun dispositivo portátil. Así que. Axiña eses bloques de metacrilato cun alampo dentro adornarán repisas, chemineas e as cristaleiras dos últimos deseños arquitectónicos.

A nosa inxenua natureza portátil. A nosa natureza de peto. O noso consolo.

One thought on “como capturar lóstregos

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: