dispositivamente

Girl Robot

Poden apaixonarme, trastornarme obsesivo-compulsivamente ata neuromutarme os conceptos e valores do literario, do abismo literario, da literatura, da escrita e a lectura como fenómenos do máis friki da existencia humana.

Sen embargo, en xeral, desprezo os conceptos e valores de certa modalidade de vida social literaria, do do ut des, das peaxes precisas para que o meu nome se repita cada certo tempo, do quita ti, que poño eu. Non desprezo a publicidade -en certo sentido, encántame-, pero si os recursos promocionais zafios, fáciles, esperables. Vendidos como transgresores. Inxenuamente conformistas e limitados.

Certa vida social social literaria: o podre elsinor de dorians greys.

[Hai outra vida social literaria, exoplanetaria, que si me interesa. Pero esa é outra historia e… iso].

Poden apaixonarme certas cuestións derivadas da tecnoloxía contemporánea e das que levo escribindo minimamente dende un tempo a esta parte [a este aparte], a tosca e quizais sobrevalorada relación entre as máquinas e o humano, a implicación literaria da tecnoloxía, a captura dentro dun texto [estás dentro deste texto, pero non dentro da miña vida; dentro deste verso estiro intentando darche alcance; dentro deste texto había algo; a vida suspéndese por riba deste verso; Mírate desafiante dende esta páxina; A quen esperan atopar ao outro lado deste verso?;Algunha vez sentaches por detrás dun poema; Estamos sós os dous/e ti fasme sentir que todo isto é certo; Hai un home apoiado na esquina desta frase; O texto acaba aquí, son todos eles fragmentos de poemas que polo visto escribín entre os anos 2001 e 2009, e revélanseme agora con esa obsesión común, a da inclusión entre os versos, a do trenzado verso-vida], as palabras hibridación e mutación e cosmos [que agora que as repiten tantos modernos xa non me fan tanto tilín], a relación con ese lector capturado nun texto, a glacialidade que queima como un xeo pegado á pel, a creatividade relativa, a posteridade, o estilo entrecortado, mesmo amputado, con moitos puntos, con frases ou títulos sen acabar, os puntos suspensivos, as bases de datos ou listas de cousas, a idea do cyborg como unha nova criatura esperanzada, os autómatas, o masculino dentro do femenino, os teoremas da física, a astrofísica, os neanderthais [os nosos compañeiros que non poideron selo], os lobos [que nos dixeron non], en xeral o tecnoprimitivo ou o tecnopaleo ou o que E. Fernández Porta carimbou como Ur, o tempo cara atrás [escombros revolvéndose coa terca intención dunha casa, número e], a alquimia e a química, a retranca, o rexeitamento da ñoñería sentimental, da procura de dar mágoa clásica dos escritores, a miña torpe relación cos medios de comunicación, o cal non deixa de aliviarme, a busca dun estilo literario sen afectacións, impecable, implacable, inaplacable… pode apaixonarme todo iso case dende sempre pero desprezo episodios desa vida social, os valores que comporta a idea de ser moderno intelectual [si ou non gafopasta]. Ao meu xuízo, certos modernos non constitúen máis que outra versión do pixo lacoste que agora o que vén ostentar son marcas tecnolóxicas ou ben mestura torpemente confesionalismo e emo como produto comercial.

Eu escribo. Sei que non todo o que debería [procrast…]. Pero se cadra, o que escribo é xusto o que lle fai falla a este mundo. Non ten por qué ser interesante que eu me largue 300 páxinas sobre algo. Dáme un pudor bestial publicar mediocridades, sobresaturacións, superficialidades disfrazadas de, cursiladas autocompracentes que me tiren flores, dispositivos que só existen para xustificaren unha foto nun xornal, outro premio máis [1/ 150.000 premios, que valor é ese?], unha entrada nun libro de texto co meu nome en negriña ou unha discusión nun foro sobre a miña talla.

Xa non me interesa caer ben.

Nin aos poderes públicos, nin á prensa especializada nin aos colegas de profesión.

De feito, é moito máis honesto caer mal. Caer mal e escribir ben. Non é que aspire a iso. Ben pensado, tamén ten o seu aquel de triste. Pero sería máis honesto que caer ben e escribir mal. Máis acantilado. Non deixa saída: os que che recoñezan serán non os teus amigos nin os teus amantes, non os políticos que ven en ti unha forma de promocionar a súa ideoloxía e a idea de cultura, cuxo espallamento semella irrefutable. En nome da cultura,

– Da Cultura, dirás, idiota!

– Iso, da Cultura. En nome da Cultura, non lles dá a sensación de que parece valer todo? A máis Cultura, mellor. Disinto.

Os que che recoñezan serán só os que te len e disfrutan da túa literatura, dos teus argumentos, do teu estilo, malia todo. Os que disfrutan da túa obra sen que importe media figa quen es ti.

Seime demasiado cobizosa.

2 thoughts on “dispositivamente

  1. creo que tes toda a razón, pero non che parece que entre eses modernos e pijos algún tamén escribe ben?bueno, claro que sí, pero que nos caen gordos e comezan a parecer repetitivos e que da preguiza achegarse a eles? e aínda con toda a publicidade que lles fan, que se autofan, o outro día coñecín a unha filóloga de trinta e algo que Nunca oíra falar dos “nocilla”!
    e tamén:fai pouco vin nunha librería un libro titulado “las siete barbies solteras”,merqueino, non oira falar nunca da autora, lin medio libro e estábame gustando, metín o seu nome en google, fun ao seu blog, vin as campañas das que se fai eco nel (adaldrida) e custoume moito rematar o libro, de repente todo tiña outro significado e a súa ideoloxía impregnaba todo o libro, esa muller e máis eu temos moitas referencias e gustos comúns, pero hai algo moi gordo que nos separa…
    así que sí, parece que tes razón, se estivera caladiña eu era feliz e ao mellor mercaba máis libros seus; loito por ser tolerante pero hai cousas que non son capaz de tolerar, aínda non acadei ese nivel de apatía..

    abrazos

    verónica

  2. Ola Verónica. A verdade é que non me estaba referindo aos da xeración Nocilla [que non lin abondo deles, pero o que lin de Agustín Fernández Mallo e Manuel Vilas gustoume moito. Co primeiro comparto temas que me interesan e de Manuel Vilas encántame o estilo, visceral, cru, fresco, algo chiflado] senón aos modernos en xeral, non só ámbito literario. A modernez… bueno, temos moitos problemas con ela. Suponse que todos queremos ser modernos [wannabes] pero dános moito repelús sentirnos nun grupo establecido, esclerosado. Como en toda freguesía, o peor non son as ideas ou os deuses máis ou menos consagrados, senón os fregueses.

    Entendo o que che pasou coa autora das sete barbies. Por moito que queiramos e por moita morte do autor que cacarexaba creo que Roland Barthes, cando lemos un libro estamos lendo, tamén, todo o que pensamos, soñamos, idealizamos e detestamos do seu autor.

    Por iso creo que é lexítimo pretender que isto non ocurra. Mesmo que sexa por variar.

    Gracias polas achegas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s