sor

by Oleg Dou

Son fetichista, como tantos outros, cos principios e finais dos libros. O do medio é circunstancia, dixestión, proceso, trama.  Pura ximnasia. Pero o principio e o final son como a cara e os pes dunha persoa: definitivos.

Dun libro que collo ao azar sempre leo a primera frase. Non sempre a derradeira.

Encantaríame entrar e saír dun libro con tanta pericia como Sor Juana Inés, esa especie de monxa alférez das letras hispánicas que non cambiou de sexo senón que, como moitas outras que podían permitírseo, habitouno con hábitos. A súa Poesía Lírica comeza co verso Finjamos que soy feliz e remata así: el Mundo iluminado y yo, despierta.  É xenial, os dous versos o son.  Se ben é certa unha cousa:  a distribución dos poemas non corresponde ao designio da propia escritora senón ao do editor ou compilador [por que o imaxino home?] da edición barata que eu manexo. Ao non tratarse dunha novela senón dun puzzle de textos líricos, o mérito pertence máis ben á aleatoriedade.

Tanto ten. Non o sabemos con certeza. Sor Juana Inés habitou o seu sexo de letras, labrou unha prisión coa súa fantasía, en certo modo, todo nela é suxestión. Intelecto. Cellas sen depilar.

Estaría realmente namorada esa muller? Finxiría esa felicidade como pretexto para escribir? Todos ese Fabios e ingratos e Silvios e necios… serían reais ou sombras esquivas? Élle posible a unha vida humana non namorarse? Sor Juana Inés, como nas pelis porno de monxas, encarna a paixón pouco evidente, a que non se ofrece.

E de súpeto.

Esperta. Así acaba esa escolma de poemas que eu teño: con Sor Juana Inés esperta. Despierta.

Cando eramos adolescentes había unha especie de dilema estúpido entre as rapazas: se non tiveses máis remedio de ser unha destas dúas cousas, que serías, puta ou monxa? Nun entorno anti-monxil como no que estudei eu [coas monxas] a resposta automática de todas as púberes era: eu, puta.

A min sempre me tirou máis o de monxa.

A súa escravitude intanxible.

A súa soidade.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: