os contratempos


house closed

A semana en que se separaron rompeu a asa dunha cunca; a neveira empezou a desconxelar pola súa conta e risco; o portátil dela non daba apagado só; a cisterna perdía auga toda a noite; houbo un problema co banco; el mancou nun dedo.

Os obxectos, os corpos, desviaban así a atención do epicentro. Viraban en sentido contrario ás agullas do reloxo. Molestaban coas súas imperfeccións, creaban preocupacións ficticias coa súa banal orixinalidade doméstica. Billas. Cravos. Costuras esfiañadas. Radiografías. Formateos. Ósos. Facturas. Froita podrecendo anormalmente en pleno estourido de xuño. De todos eles emanaba un compadreo. Ás costas dos seus donos. Unha conspiración. Os días sucedían só para que eles ensarillasen unha tras doutra meras dilixencias, intendencias, fontanerías, Tecnox: Reparacións Técnicas, bos días?, férulas e pomadas.

Unha vez espertos clapclapclap desa hipnose dos pequenos contratempos, cada un enroscaba xa sobre almofadas diferentes.

One thought on “os contratempos

  1. Escríbise pola Falta e un blog proxecta en si mesmo esa especie de abismo, de pozo sen fondo, de enigma, tamén, de quen poderá chegar un día e dicir algo, escribir algo.
    “Alguén ha de chegar un día, unha mañá, acaso algunha noite, e escribirme algo”. E iso será alivio para a Falta. A cicatriz interminable. A ferida sen fin. Nada me sacia. Noli me tangere. E a Falta é o lugar no que non son. Todo aquilo que eu son, todo aquilo que teño, é xustamente o que non me falta. Por iso a falta é o outro. O que non teño nin terei. A miña terrible traxedia, a miña sede eterna sen saciar.
    Ser humano é entender a nosa Falta. Falamos e soñamos sobre a Falta. A nosa teima, a nosa ensoñación secreta.
    Que nada che falte, dicían nas despedidas.
    Que todo che falte, diría eu. Esa é a posición absoluto do viaxeiro, aquel ao que lle falta todo.
    Son máis rico cada día. E, porén, o número de cousas que me faltan segue a ser infinito.
    Velaí o motor interno (e psicolóxico) do capitalismo. Futuro, innovación, creación, amoreamento, crecemento, desenvolvemento.
    E a Falta segue a rirse, malévola, de nós.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: