Solicitáronme un texto baseado nalgunha canción ou artista. O texto será ilustrado despois por el, si: Pablo Gallo. Polo que podo contar, que é máis do que debería, pertencerá a unha serie de retratos de músicos con paxaros na cabeza, moitos dos cales podedes espiar aquí.
O músico que escollín chámase PJ Harvey. É unha moza inglesa. Sei que a coñece moita xente. Tamén sei que outra moita, non.
O poema contén varias frases extraídas dos seus temas e varios títulos seus tamén. Aparecen en cursiva a maioría, salvo envexas a súa almofada, do I envy your pillow do tema Catherine e ás veces podo ver a millas de distancia, do tema Beautiful feeling. Intentei darlle un aire de canción ao propio texto, algo que supostamente a poesía clásica lograba ben. Un poema cantabile.
O texto estará en castelán. Eis a versión galega.
A MULLER QUE
I’d like to take you
I’d like to take you
I’d like to take you to a place I know
Advertimos que soñaches
advertimos que soñaches con ela.
Os seus dedos na túa lingua.
A que hoxe teclea este texto coas súas xemas secas
alagounas toda a noite no ceo da túa boca.
Consignamos: Soñouna.
A noite seguinte, advertimos que es ti
quen conduce a Angelene
pretty mouth and green my eyes
ata o abismo onde boca e soño
emiten os seus últimos pulsos conscientes.
Envexas o seu pelo, Samson, your hair
envexas a súa almofada
e a túa almofada branca esfiaña cara a esta páxina
e encol dela o teu soño e o seu pelo trenzan ata o mediodía.
Levantas tarde, feito po.
Anotamos: Fodidamente, non deixa de soñala.
En horrible prodixio, ela pasa a se chamar Catherine,
Elise, beautiful Leah,
Dawn, Joy, Jane,
ela pasa a ter todos os nomes de todos os homes
que naceron muller primeiro de nada.
Anotamos que a súa man na túa boca che doía.
Doíache o seu xeito inminente de non ser túa.
O seu dedo deslizou unha mina baixo a túa lingua
coma un punto suspensivo perdido da súa frase.
Espertaches sufocado, escorrentando estas palabras.
Horses in my dreams.
Pero nós vímoste.
Vímoste suar toda a noite, espaventar coma un espantallo.
Da súa cabeza ao teu ombreiro, voa a noitarega
cos seus dourados hologramas fixos en algo que non
non podemos deixar aquí por escrito.
You said something en soños:
ás veces podo ver a millas de distancia.
É a ela a quen viches. A quen se non, humano iluso?
A través do soño irradia estas palabras
I’m immortal when I’m with you
e moitas outras que a mañá engole.
Vives. Sentes que algo che falta, que…
Pero xa de novo os seus dedos na túa boca lentamente.
Os seus dedos entran na túa boca lentamente.
Entran -entran-
lenta
mente.
Consignamos: PJ Harvey reverbera
inxéctase a través das xemas dos seus dedos
nas fauces abertas do teu soño
e es o único home do mundo
condenado a espertares cada día
esgotado de sabelo
tolo por sabelo:
ti poderías tela amado.
Poderías tela amado
na pel volta do teu cranio, poderías
no fluído rosa da túa materia escura.
Anotamos: Non dá lembrado a quen
Hoxe, os fados ou os astros concéderonme coñecer a Henryk Górecki e a súa Terceira Sinfonía. Verdadeiramente estarrecente. Se non a coñece non deixe de escoitala. Para min unha revelación e tamén un misterio. Música misteriosa. Nada explícita. Como a morte.
Déixolle información:
http://en.wikipedia.org/wiki/Henryk_G%C3%B3recki
Moitas grazas. É sobrecolledora. Que marabilla cantar iso.