
Sobre a vida erótica [fragmento. Diario de un mal año. J.M. Coetzee. Mondadori.]
Un ano antes de se suicidar, o meu amigo Gyula faloume do erotismo tal como o coñecía no outono da súa vida.
Gyula díxome que cando era novo, en Hungría, fora un gran mullereiro. Pero ao facerse maior, malia seguir sendo tan agudamente receptivo á beleza feminina como sempre, a necesidade de facer o amor carnal coas mulleres esvaeceu. Tiña toda a aparencia de se ter convertido no máis casto dos homes.
Díxome que esa castidade externa era posible porque dominara a arte de vivir unha aventura amorosa en todas as súas etapas, desde o namoramento ata a consumación, no interior da súa cabeza. Como podía facer cousa tal? O primeiro paso indispensable era captar o que el chamaba ‘unha imaxe viva’ da amada, e facela súa. Logo daba acubillo a esa imaxe e insuflaba alento ata chegar a un punto tal no que, aínda no reino da imaxinación, puidese empezar a facer o amor con ese íncubo seu e, finalmente, conducila á éxtase; e de toda esta historia apaixonada o orixinal terreo non tería a menor idea. (Con todo, o mesmo Gyula tamén afirmaba que a ningunha muller pode pasarlle desapercibida a mirada de desexo que se pousa nela, ata nunha sala ateigada, mesmo que non poida detectar a súa orixe.)
[…]
Díxome que todo consistía en ser quen de captar, mediante a máis profunda atención, ese aceno peculiar e inconsciente, demasiado lene ou fuxidío para que o note o ollo normal, co que unha muller se entregaba, é dicir, entregaba a súa esencia erótica, a súa alma. O xeito en que xiraba o pulso para consultar o seu reloxo, por exemplo, ou o xeito en que encrequenaba para se axustar a correa dunha sandalia.
Unha vez percibido ese movemento peculiar, a imaxinación erótica podía exploralo a pracer ata que o segredo máis recóndito da muller ficaba ao descuberto, sen excluír cómo se movía nos brazos dun amante, como chegaba ao momento culminante. Dende o aceno revelador, todo se seguía “coma se estiver determinado polo destino.”
Gústame especialmente esta entrada. É probable que lea o libro. A min tamén me pasa eso que conta, dende fai moito tempo.
É moi posible que a un home lle sorprenda isto que vou dicir, dado que se ten escrito bastante máis sobre a muller desexable e non tanto dende o punto de vista da muller que desexa, pero ás mulleres tamén nos acontece, claro.
De todos modos, fendetestas, o libro pode lerse por outras razóns e non só por este fragmento, xa que o capituliño titulado Sobre a vida erótica [do que esmelguei este texto] consta de pouco máis ca isto que ves aquí.