C.

No mundo real, nunca coñecín a unha muller tan fermosa como C. Compartiu comigo anos de carreira e xamais fomos amigas. A súa pel facía chorar. Como era de esperar, tiña os ollos grandes, enormes e soñadores de curuxa. Unha vez regaloume unha, un moucho da sorte. Olleino con curiosidade e agradecinllo. Tiñan tamén algo de Bette Davis, os seus ollos, Bette Davis eyes, limosos e amnióticos como unha solución ambariña. Albariña. Pero o seu rostro curvábase no espazo dun modo máis perfecto. Que o de Bette Davis, quero dicir. Era arrubiada. O pelo rizo. Recordo os seus dentes e un xesto mínimo da súa boca. Recordo o seu sentido do humor, pouco explosivo, sutil. Alta. Lánguida. Nacarada. Aplicada no estudo. Non destacaba especialmente en  materia ningunha salvo na do enigma da súa persoa. Así, en xeral, constituía a encarnación da muller clásica da que se namorar perdida e melancólicamente nos intres mortos dunha clase de literatura.

En tal estado imaxinaba aos poucos homes, talvez a algunha moza tamén, daquelas aulas. Contando catorce sílabas cunha man, escandindo o aire, por ela. Pero non o sei con certeza. Andabamos todos adormecidos, indolentes de pura mocidade.

Un topoi. Sempre crin que alguén como ela protagonizaría unha película, unha novela, un anuncio, tres desfiles de moda, nove cancións, cento cinco sonetos, catorce mil fantasías nocturnas.

Para os meus adentros chamábaa a muller do tenente francés. Era facilmente envolvida pola imaxinación nunha capa de veludo pesado e azul escuro, era facilmente colocada pola imaxinación sobre un cantil, era facilmente rodeada pola imaxinación nun halo de romanticismo enfeitizado.

Cando anos máis tarde lin o conto pluscuamperfecto Velocidad de los jardines, de Eloy Tizón, Olivia Reyes tivo para min a presenza apenas empolvada de C.

Xamais volvera lembrar dela.

Meryl Streep. A muller do tenente francés, 1981

One thought on “C.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s