sobre a nobre arte dos haluros de prata

Cámaravólver

Só un amante practicante da atrocidade esaxerada como Thomas Bernhard – un tipo que sempre me tivo pinta de bon vivant, ou de introvertido parásito de costa mallorquina- puido desembocar na mellor e máis brillante literatura das postrimerías [post this rim] do milenio dous. O xeito en que sostén calquera opinión como esta, sobre a epidemia fotográfica, que pode parecer disparatada -e non o é, dende logo, non hai máis que ver os nosos flickrs, facebooks, equipaxes de man e demais- é drástico, dramático, obsesivo e non por todo iso menos coloquial e próximo ao pensamento humano. Xa conta con lexión de imitadores. Enabsolutos imitadores de voces.

No fondo odio as fotografías e nunca tería tido a idea de facer fotografías, deixando aparte esa excepción de Londres, de Sankt Wolfgang, de Cannes, na miña vida posuín un aparello fotográfico. Desprezo á xente que fotografa continuamente e pasea todo o tempo co seu aparello fotográfico no pescozo. Continuamente procuran un motivo e fotografan todas e cada unha das cousas, mesmo o máis absurdo. Continuamente non teñen na cabeza máis cousa que se representar a si mesmos, e sempre do xeito máis repulsivo, do que sen embargo non se percatan. Fixan nas súas fotos un mundo perversamente deformado que non ten outra cousa en común co real que esa deformación perversa da que son culpables. A fotografía é unha manía innobre que, amodiño, abrangue á humanidade enteira, porque ésta non só está namorada senón guillada pola deformación e a perversidade, e realmente, a forza de fotografar, co tempo toma ese mundo deformado e perverso polo único verdadeiro. Os que fotografan cometen un dos crimes máis innobres que poden cometerse, ao converter a Natureza, nas súas fotografías, en algo perversamente grotesco. As persoas son nas súas fotografías monifates ridículos, desviados ata o irrecoñecible, mesmo mutilados, que ollan arrepiados o seu innobre obxectivo, embrutecidos, repugnantes. A fotografía é unha paixón abxecta que abrangue todos os continentes e todas as capas da poboación, unha enfermidade que acometeu á Humanidade enteira e da que nunca poderá curarse xa. O inventor da arte fotográfica é o inventor da máis misántropa de todas as artes. A el debémoslle a deformación definitiva da natureza e do home que existe nela, converténdoos a ela e a el na súa caricatura perversa. Aínda non vin en fotografía ningunha un ser humano natural, o que quere dicir, real e verdadeiro, como non vin tampouco en ningunha fotografía unha Natureza real e verdadeira. A fotografía é a maior desgraza do século XX.

Thomas Bernhard, Extinción. Un desmoronamento, 1986. Tradución a partir da versión castelá de Miguel Sáenz

15 anos despois da edición destas palabras publícase, dentro dunha serie de libriños titulada Conversaciones con fotógrafos,  unha especialmente intensa, densa, entre Joan Fontcuberta e Cristina Zelich. O fotógrafo Fontcuberta por unha banda reivindica a fondeza do seu traballo fotográfico, a carga teórica que o encende, por riba da frivolización que ameaza toda obra que chega a nós servida nas bandexas do humor; por outra, incide nunha das claves do seu labor: a falsificación inadvertida, a verdade vendida dende os centros de poder, o xogo do certo e o falso. El faino a través da foto, un medio, segundo el,  per se distorsionador, deformador. Está a anos luz do desbardallamento de Bernhard, do seu contundente mazazo final –a fotografía é a maior desgraza do século XX-, mais os dous parecen beber do mesmo manancial de ideas comúns -que poucos ousan rebater- dadas a volta.

Por iso mesmo, coido que certo traballo crítico respecto á imaxe non ten data de caducidade, simplemente cambiarán as formas da propaganda, cambiarán as técnicas da persuasión, pero no fondo ese escepticismo debe ser transmitido con igual intensidade para nos facer menos sumisos a ese poderes dos medios de comunicación, ou da política que capitaliza eses medios de comunicación. É nesas circunstacnias, cando semella que cómpre regresarmos ás trincheiras, onde se advirte o substrato político que subxace en moitos proxectos meus. A reacción inmediata podería ser dicir: “¡Ah!, ¡qué divertido, que historia tan lúdica!”; e eu respondo: “Si, é lúdica, pero é lúdica porque vos dou claves dabondo para que descubrades que se trata dunha fraude. O que eu fago é intentar manter alerta a nosa percepción fornte a fraudes cotiás que se reservan moito de desvelar a súa condicón de tales, como acontece a cotío con todos os medios de comunicaicón que non fan senón se rexer por intereses de poder.”

Fontcuberta.Thoughtography

5 thoughts on “sobre a nobre arte dos haluros de prata

  1. É curioso, a veces penso na estupidez da fotografía, para que tanta trascendencia na pose instántanea se o proceso hoxe conclúe na rápida mirada a pantalla lcd, ahi de se detén todo, sería tan eficaz sorrir diante dun espello con riso forzado e elástico!. A persoa que apunta coa arma de almacenamento de planos eventuais ofende a nosa intimidade e limita a expresión. E non sei de deforma ou pervirte, pero si rouba ollados de realidade que deberian afrontarse coa retina espida.
    en calquera caso non creo nada ou case nada do que dixen porque as estupideces deben enfrontarse de esguello e aos poucos. A nosa mirada leva pervertindo e deformando o mundo antes de que houbera materia sensible…e que hai de real na contemplación dun individuo ou dunha paisaxe? o que a ti che pareza pero a outro non. O maquinismo destemido sempre preocupa ás almas nobles e nostálxicas, aínda agora. A democracia visual e comunicativa tamén, falta criterio editorial din por ahi…que se fodan! non poden impedir os nosos escritos nin as nosas fotos.
    Non obsta para que hoxe non che poña unha ligazón surtida de fotos que fan o meu pequeno mundo mellor. Tamén e esas nunca as vera ninguén que adormecen en andeis, con haluros de fragancia, agarimando o papel de seda,
    biquiños

  2. Perdón, llegué por accidente, estaba hablando con mi amiga cuando un mosquito se ha detenido en la pantalla de mi teléfono móvil, echaré un vistazo a tu blog, [el mosquito ha muerto, lo he chafao]

  3. Boticario Homais: Considérome unha alma nobre e nostálxica [a ver quén é o chulo que se cre o contrario!] e o maquinismo destemido non me preocupa. Iso si, tamén creo que a avalancha de letras e imaxes, non só en internet, corrompe un pouco o que estas tiñan -se é que algunha vez tiveron- de misterioso, de sagrado. Hoxendía non hai nada máis sinxelo para calquera persoa que sentirse escritora ou fotógrafa ou artista multimedia ou polifacética ou actor ou cantante… Iso ten unha parte de espellismo, claro, e coido que, no fondo, o que chama atención é o halo aristocrático que todas esas actividades parecen infundir: o halo sagrado da famosa, traída, levada, marketingheada e por completo falsa, criatividade.

    [desculpa polo escepticismo, ás veces creo fugazmente, un chisquiño, na criatividade humana, claro, aínda que non sei moi ben se a un nivel meramente individual ou sempre como resultado dun Zeitgeist]

    Non obsta para que hoxe non che poña unha ligazón surtida de fotos que fan o meu pequeno mundo mellor. Non vexo ligazón ningunha, non sei se entendín ben.

  4. ah! entendíches mal, diciache que non che poñía fotos porque faria moi ridículo o meu comentario, coa mediocriación do meu “traballo” é doado entender que reivindique a democracia artística e a estabilidade social: todos as nosas fotos perténcenos a todos, cen comentarios positivos fan unha foto boa e demais consignas hipnopédicas…
    ao final e premer un botón de endorfinas e ser feliz como un diafragma ben aberto…
    Apostoche que Bernhard resurrecto teria conta en flickr, facebook e ata tuenti…
    un beixiño!

  5. mod london photographer: Ser feliz como un diafragma ben aberto! Jajajajaja! É xenial. Ao principio entendino como un diafragma de cantante [soprano, pónlle] ben aberto, pero, polo teu alcume e comentarios, debes de referirte a un diafragma de cámara, naturalmente.

    Certamente, lin e entendín mal: Non obsta para que NON che poña… Estaba claro. Non puxen as gafasnondepasta :]

    Grazas pola explaneixon. Bicas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s