xénero que foxe

… e seguiu correndo por esta páxina arriba, en dirección á estación de tren da fronteira, sen máis destino que ese, esta páxina e esa estación. Vímola tropezar e volver levantarse, tropezar unha vez máis con puntos e con comas, rodar sobre unha aliñación de puntos suspensivos, agarrarse ao gancho dunha interrogación aberta. Hai momentos -hainos- nos que ansía desaparecer por un tempo da nosa vista e é neses momentos cando se encerra nunha paréntese e segue a correr veladamente, case subrepticiamente, similar a unha serpe ou unha donicela; solicita a nosa atención perfilándose en negro ou cunha fina liña baixo os seus pés á que chamamos subliñado. Alternativamente fosforece e se opaca e marca con auga o fondo da súa existencia. Verxúrase. Recíclase. Emborrónase e, contra todo prognóstico, atopa forzas para seguir correndo, sen outra fin que esa estación onde tomará o tren que a levará lonxe, lonxe da ficción na que naceu, creceu, madurou apenas, lonxe da páxina que a somete aos seus dous vectores cruzados, o tren cara ao recoñecemento tridimensional, un tren longo, sinuoso, que cruza a fronteira eternamente coruscantemente nevada que o tempo amarelea segundo o seu costume, un tren no que se ceibará dos adxectivos, do seu estilo pasado de moda, da súa complexión de subordinada concesiva, da súa saia retórica e o seu contraditorio peiteado; por fin quitarase -nese tren, sempre nese tren- os seus zapatos de tinta, as súas luvas binarias, a luva 0 e a luva 1, os seus aneis de epíteto e a súa suor redundante, quiasmos, marasmos, orgasmos definidos por unha sucesión de signos que tradean a escuridade do cranio, a constelan dun sentido que só enxendra sentido bebendo de si mesmo, máis da súa propia droga, onanismo do seu mesmo signo, subsumido en palabras, sintaxes, toda a súa vida correndo dun lado a outro, dun verso a outro, verso, reverso, verso, reverso, transverso, parágrafo, fárrago, emparrado de paisaxe, lama de razón, estruturas xeodésicas nas que o argumento parece sosterse encol do aire, fractais que propagan unha realidade en fuga tan falsa como verosímil, e en fuga esta frase e en fuga o seu nome e en fuga quen le e quen protagoniza, fuga tránsfuga páxina arriba, páxina dentro, páxina fóra, di desdí, le deslee, escribe vive desinhibe vive vive vive…

Precisamos tomar aire logo de todo isto: como narradores, tamén imos esgotados.

Asubía un tren. Oíde.

2010

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: