Un petisco de coolness, taberneiro!
De Air disque son insubstanciais, intrascendentes como o aire mesmo. A min resúltanme útiles dende máisoumenos o 2003 para violar a lei de gravidade de cando en vez. Adóroos, claro, qué pregunta.
Αναξιμένης de Mileto, razón levabas.
Temas dilectos: Venus, Sexy boy, Alone in Kioto, Playground Love, Biological, Cherry blossom girl… Moitos deles poñen moitísimo ás almas cándidas de principios do século XXI, entre as que me inclúo. Oh, non vos riades se vivides no século XXIII; seica tamén a nós resultaríanos ridículo o voso cachondirmo.
Do tema que nos ocupa, Mer du Japon : unha vez repostos do bico lésbico relambido polo dragón chinés, escoiten se queren eses arpexios de piano que a min me lembran o Aquarium do Carnaval des Animaux de Saint-Saëns a partir do minuto 1:36 -unha imitación de harpas, que é o recurso eterno do mundo submariño ou ultracósmico na música clásica-. Quero pensar que é iso, unha homenaxe a Saint-Saëns, tratándose de gabachos baixo a auga todos.
Disfruto dos pianos inesperados na música non catalogada como clásica [o meu exemplo fetiche de sempre: Angelene, PJ Harvey]. Hai bastante tempo perdera o tempo confeccionando unha recopilación de temas actuais chamada precisamente así, Pianos inesperados [ou Pianos inopinados, xa non recordo ben]. Incluíra The piano has been drinking e cousas así. Ofrendáralla a un pianista do que andaba medio namoriscada o cal, por suposto e como debía ser, púxoma de sombreiro e nunca máis nunca souben del. Mais a vocês, que figa lles importa unha anécdota idiota nunha vida aparentemente idiota?
Bailemos, mishimas!
Nota bonus: para ampliacións sobre o tema xaponesas , perder a razón e mar do Xapón en xeral, senrazón aquí.
One thought on “j’en perds la raison”