Quedan poucos días -clausura o 17 de xaneiro-, pero aínda poden descer a pulmón ata as Novas conversas con Atlante -exposición colectiva de fotografía no Aquarium Finisterrae de A Coruña co gallo do Outono fotográfico– na que tamén conversa co Atlante unha Atlanta: Sandra G. Rey.
O motivo da mostra é a re/visión do mar despois do Prestige.
G. Rey sutura unha pequena historia cotiá con diferentes personaxes de costas ao mar. A vida segue, como di a autora no libro que acompaña a exposición, lonxe de recuperar o espírito colectivo dende o persoal político e de costas ás costas.
Os seus personaxes, por tanto, encarnan unha certa neglixencia no proceso da memoria. Pero algúns non deixan de ser adorables: verán por exemplo a unha muller dous dereito catro revés cos pes a remollo catro dereito volta calcetando un esquecemento primoroso -que non vai tirar nada da sisa- nuns penedos coruñeses. E moito máis…

O resto de fotógrafos no allo: Xosé Abad, Miguel Harguindey, Xacobe Meléndrez, Paco Rocha e Xosé Teiga.
Logo poden pasar polo Museo a admirar as crías de pintarroja ou tiburón gato [aquí coñecido co alcume un chisco despectivo de melgacho] e mercar un peluche con forma de… [de percebe non?]…
De sapoconchiño.
Graccie!