No 2003 escribín outro texto para outro finado. Se cadra, coma as prañideiras, podía gañarme a vida diso. La lloradora, by La Lupe.
Caza foi por Antón Avilés de Taramancos. Un dos meus poetas preferidos e, lembro, tamén da querida Luísa. Villalta.
Foi un dos textos que quedou fóra de Zoommm.
cando un escribe aquí a palabra caza, entón todo muta
CAZA
esta é a historia do home que entrou por esta porta e quixo quedar para sempre
acubillado no fondo da páxina, como un cazador da provincia de Harar de hai un millón de anos
afiando as linguas para dicir só o necesario
coa beleza afiada que comporta só o necesario
esa beleza de adobe ou lanza ou algo que non se me ocorre
esta é a historia que eu sei
e que el puxo na miña boca desde unha boca que foi a súa
e que debo referir, anque da beleza eu non saiba máis ca unhas poucas frases feitas
e que, como a historia de Ulises, ten a aventura e o mar por medio
como un piano como un sancocho ou como algo que non se me ocorre
que fago aquí? escribe Rimbaud dende Harar
o home fica nesta páxina e o bisonte, no teito da cova
forman parte dunha historia que non quere pórse fin
el, o cazador que nas estrelas viu o percorrido da especie
e deitou seme sobre a herba e a muller aleitouno
todo isto sen saíren desta folla, que é como o lugar de Taramancos
e eu afío os coitelos tal e como el me aprendeu
igual en Chachauí, que en Anserma
que aló onde non se me ocorre
e o home que aquí entrou e aquí quixo vivir para sempre
empuña a súa lanza dende o máis alto
e lanza a súa lanza
e alcanza o teu costado
e ti poste ferido, e poste postrado e poste
como algo que non se me ocorre
e o cazador, simplemente,
fica
Estíbaliz Espinosa, 2003
Sabía que na poesía de María Mariño son moi importantes as reticencias […], en castelán puntos suspensivos? Fermosos os poemas, tanto este como o dedicado a Lois Pereiro. Observo unha certa mudanza no estilo, acaso polo ton elexíaco. Que ben que vostede escriba.
Home, moitas grazas.
Pendurarei o de María Mariño, xa que menciona o das reticencias. Curiosa poesía a de Mariño.
E o de Luísa. Pero o de Luísa aínda me manca un pouco.
un poema marabilloso. lembroume aos simbolistas franceses, primixenios