Por terceira vez na vida, escribo un poema para un poeta morto e celebrado no día das letras galegas.
Non sei cándo [nos veremos], mais en breve ha saír un libro colectivo sobre Lois Pereiro en Xerais.

Eis o texto que entreguei:
| o que lemos |
A masa literaria faise carne
carne de papel e aquí se vén
a se tatuar o nome seu nun mercurio do destino.
No tóxico sabor da súa bruma. No anel
de sombra que dá forma as súas olleiras.
Os seus pómulos que regueifan contra o frío
glaciares a flotaren máis aló de Betelgeuse.
Un sistema que repite Lois Pereiro nalgún lado
nalgún lado, Lois Pereiro, nalgún lado.
Non creo que iso importe máis que o cuspe
desta vida. Esta vida en si un abismo
dentro doutro abismo no que lemos
lemos contraLemos
para acabar sobrevivindo.
Será una voz en off sobre as imaxes dun
estromatolito de tres mil millóns de anos
o que lemos,
Lois Pereiro.
Será Mitteleuropa na cunca destas mans
tan contracapas.
Será a Acracia dando flor no paraíso.
A temperatura ascende ao tempo que escribimos
de arriba abaixo sobre un corpo xa ilexible.
Non se queima o amor, quéimanse os astros.
Non arde o terminal, a vida é plena.
Quen tivera varias vidas coma quen ten irmáns
irmáns de sangue, na folla que incha as veas.
Sangue calcinado. Se queredes tinta.
Aquí se vén para non facer xirar a roda
aquí se vén por Valente e por Ubú
polos puntos suspensivos contra a infamia
que foi deixando caer no vieiro
Lois Pereiro.
Aquí se vén como se peregrina ata Coruña
unha Highland por un Pound e doce Bernhards.
Eu vestida da intuición de que non o coñecía
e teño pouco que dicir, bastante pouco
e moito máis que ler. Aquí nos vimos
novicios todos na palabra, en tal brancura
que as loias da que foi a súa vida nos tatúan
o furor uranio seu de ser amor
de sermos carne.
Estíbaliz…Espinosa, xaneiro 2011
gústame