/campo de forzas xogos /
Dicimos unha cousa e queremos dicir outra.
Para sobrevivirmos nesta era
con pinta interglacial
sobre este planeta, entre a xentalla esta
convén ter claro que
dicimos unha cousa e queremos dicir outra.
Eu mesmo mentindo devo argumentar.
A pídelle a B a tradución dun texto
págalle por iso
xa que o sexo entre eles é imposible.
B á súa vez encarga a C que o corrixa
por razóns siamesas.
A cousa segue ata o Z
nun moi alfabético armazón.
Onde hai diñeiro hai sexo
onde hai sexo hai intercambio
que abstraemos en diñeiro.
Os cartos significan outra cousa.
Sempre significan outra cousa.
O amor significa outra cousa. Sempre.
Amamos unha cousa e queremos amar outra.
Dicimos todo aquén e no fondo é todo alén.
Mesmo alguén, aquí ben dentro,
entre estas liñas
pode ter alimentado
inxenuas turbias intencións
que non son sexo
nin tampouco cartos
-mesmo alguén, aquí ben.
Mesmo alguén-.
These are my twisted words
Dicimos unha cousa e queremos dicir outra
e esa interpretación sen tregua
ese malabarismo sobre abismo
de malentendido en sobreentendido
tacón punta tacón
e volta a nos perder
fainos felices con desesperación
com
pulsivamente humanos.
[Tamén a nosa vida era unha cousa
cousa tan mutable
que pillala nun sentido
sería nos beber a luz a grolos cuantos]
Está moi ben isto, ten toda a razón
Unha cousa é o que vostede queira dicir e outra é o que SE queira que diga, sendo ese SE o referente dun suxeito impersoal que representa a institución do discurso. A lóxica admirable da súa obra vai, antes que despois, casar coa lóxica fatídica do sistema e o seu discurso rematará por servir a aqueles intereses que vostede xamais quixo servir. Ou non. Non temos outra erección (desculpe) que a de sermos marxinais, fracasados, periféricos? Desde logo sermos centrais e triunfantes non entra dentro do noso xogo de ereccións (desculpe) posibles. Ou si. Non se preocupe, centos de eséxetas, comentaristas e opinadores virán explicarnos que, en realidade,… Daquelas que cantan as pombas e as flores… O conflito entre discursos non está só no que SE diga senón, e sobre todo, naquilo que SE diga que dicimos. Non sei se me explico.
Grazas, anónimo. Non sei se teño razón.
Estrougwsa, explícase, explícase.