Fatena Al-Ghorra [Gaza, Palestina] vai en España estes días. Poeta e xornalista. Pasou pola Universidade de Almería, por Málaga e andará en Cosmopoética [Córdoba] e Madrid [presentada por Elena Medel, quen a introduciu en España] na vindeira fin de semana.
Traduzo da versión castelán que dende o árabe verqueu Rosa-Isabel Martínez Lillo. Trátase de fragmentos do libro Excepto yo, de El Gaviero Eds., 2010, a súa única obra poética publicada aquí.
Hai algo nos seus poemas que empurra cunha forza escura, aromática. É unha delicia lela, intuila nos arabescos da páxina anterior [a edición é bilingüe], deixala exceptuarse. Nunha especia abstracta.
Algúns textos de Excepto yo, Eds. El Gaviero, 2010.
Trad. a galego [a partir da versión castelá en El Gaviero] de E…E. Río, 2011.
O que o dormente ve:
Magdalena tapiza o horizonte coas súas trenzas. Seméntao de amuletos e iconas o labrego cando recolle a colleita: pan negro e coroa de espiñas. O tempo era mediodía en tebras.
E iso era algo grandioso.
O que o dormente ve:
Ela daba masaxes á area con tola sensualidade. Procuraba entre as súas cimas un acuoso cristal a través do que o ver coma chuvia brillante.
El chuchaba un dedo para pasar o tempo…
E iso era algo grandioso.
[De A cinta do soño]
•
A túa presenza desconcértame.
Como un astro domina a fírgoa do saber
e co baleiro choca
Ti desconcertas as miñas regras aferradas a un anaco de aire/granito
•
A túa presenza desconcértame
punto
Comeza outra liña
……
………
[De A túa presenza desconcértame]
•
Un pouco de sentir outórgalle ao corazón a luz do sublime
Un pouco de feitizo fai que as nosas almas descubran o agochado
Un pouco de atención fai que os espíritos descubran seixo nas poutas do gato
[De Partículas]
•
Ireime coas mulleres que perderon o seu derradeiro momento
tras o forno de leña nun pueril recordo
Co aire irei
[De Esceas penduradas no principio do silencio]
•
Desde min parte e dedícase a entrar,
entra profundamente
unha vez,
outra,
cinco,
aínda queda moito ata chegar,
o espírito reúne os seus fragmentos e ante el levanta,
outra vez,
cinco,
amósanseme os Xéneses desde o pecado orixinal.
Embarazada de min
embarazada del
do tremer do pracer virxinal na súa nova presenza,
un tremer virxinal sacódeme
se aparece o azoute seu,
daquel de albahaca e mirra.
[fragmento de Embarazada de min]
ESPERANZA…
Cando o cosmos semella un furado negro
ti dás comigo alí, repousando,
embebida nas miñas propias soidades
a agardar por algunha raiola.
Fatena Al-Ghorra