Ninguén que diga de si mesmo que está na vangarda de algo pode estalo realmente.
Cara a suposta vangarda, de existir, vaise so. É dicir, vaise case inconsciente: non se ve nada por ningures, nada por diante, mesmo nada por detrás. Non pode saberse con lucidez se iso será a vangarda ou un abismo hostil. Un deserto de referenzas. Un deserto de nomes.
A vangarda, de existir, é só un eslógan máis. E unha preocupación menos.
Resulta de moito interese a apropiación por parte da industria cultural e da moda da palabra “vangarda”. Mesmo poderíamos dicir que, a día de hoxe, nada se identifica máis coa lóxica do sistema que a maldita palabra. Se Adorno e Horkheimer definían a lóxica da obra en contraposición á lóxica do sistema para concluír que era imposible a confluencia entre mercado e arte, o incomodo da palabra vangarda radica en que, por unha banda, segue a definir a lóxica de quen aposta por unha actuación fóra do sistema, unha arte non comestible nin consumible, e, por outra banda, converteuse nun dos fetiches léxicos do papanatismo industrial de terceira división. Perruqueiros e modistos, estudantes de belas artes e cantantes diversos, analfabetos e indocumentados de todo tipo, locutores de radio e comentaristas de cine, adhérense ao palabro, confiados no seu primitivo esplendor, seguros de que algún beneficio lles reportará. Cal podería ser a solución? Destruírmos a palabra? Ou apostarmos directamente pola “retagarda”, outro mal invento dos sentimentais e dos poetas da experiencia. Non o teño nada claro, pero comparto o seu malestar con esa arma arreboladiza, que coloca aos non vangardistas en posicións de menosprezo e atraso histórico. Acaso, o mellor sexa botar man da súa etimoloxía militar e da ideoloxía de fe no progreso na que se asenta. Adiantarse ao fluír das cousas e dos tempos. Prever o decorrer histórico. Mentira sobre mentira. E nada máis posmoderno que unha crítica da vangarda. Aínda que a posmodernidade sexa outro palabro que, en fin, …
posmodernidade, coido que xa o dixen, sóame a postmortem
reivindico a inseguridade, o non saber venderse a certos postores, a incomodernidade e a non reivindicación de todo o mencionado
“primitivo esplendor” aí vamos!