a menos que

A MENOS QUE

Quitas o enxerto de memoria.
Quita o seu tendón de titanio.

Quitas a vella escafandra. CCCP.
Quita un borsalino gris chicago.

Mingua o sol. O mesmo de sempre.

Quitas roupa setenteira,
sesenteira,
anos 50. 40. Vintage.

Ao luar dunha soa lúa todo parece menos
cínico. Pero máis máis ionki.

Quítase gravatas e paxarelas
que -ñoñerías as xustas- voan.
Zapatos de chapapote. Cortiza. Coiro.
Pés.

Ningunha lei impide que che desprendas
dun refaixo escarlata e negro.
Entre unha marusía de roupa esvaran
un par de polainas rotas de percebeiro.

Un corpiño: buraco a buraco
desanóalo.
Queda atrapada a luz, toda a luz
no seu campo gravitatorio.
Cabeza e cu. Parteluz.

Dehiscencia nas formas
nas estruturas vexetais que se abren
como a fisión dun núcleo todo oprimido.

Viras no interior dun miriñaque
libido abaixo, ad libitum
ata os seus pés calzados cun zoco
-unha sandalia-.

O cinto de Orión, voyeur celeste.

Chisteras, perrucas, elmos
descobren en sucesión a súa cabeza.
Quitas un sancosmeiro e cinco diademas.

Desintegras as túas tres trenzas.
A barba súa medra por segundos.

Caen túnicas únicas, togas.
Mantelos e kimonos.
Fíbulas. Burkas. Agullas de óso
que collen polo istmo
dun reloxo de area.
Dunha vértebra humana.

Desovas roupa íntima de liño.
Lambe a súa suor de besta.

Arrincádesvos peles recosidas
con tiras de coiro cru.
Pero a vosa, a vosa pel, aínda segue indemne.
A peluxe dorme sobre a epiderme.
Nada presaxia rubor -ou algo así-
entretecido en calafrío.
Nin unha partícula elemental de fío
-do que século a século nos protexeu do xeo-.
Ata que nos volveu -ou tal din-
intelecto.

Intelecto si, intelecto seica
pero bestas. Bestas. Bestas.
Como se pode. Bestas aí
aí onde doe. Onde doe ser besta
aí sódelo até qué. Até qué qué.

E.

Agora si.
Agora xa che arrincas de raíz o neocórtex.
Sen sangrar, el circuncida.

Desinstalades a vosa linguaxe
esa especie de lunática marea de pupilas
un pouco idiota para os que non somos vós:
a partir de agora todo vai ao tacto
ao labirinto abisal de cada oído.
Directos ao óso, ao que cheira a manda, a hormona
fera, viva. Onde doe.

De pel a pel, de replicante a nativo
nós vémosvos partir cara a outro lado:
cara á pel volta do voso xemer primeiro.

E xa non vos seguimos.

Escribiuse tanto sobre iso.
Tanta delicia dezaoitesca, tanto whitman
supernova
-e tanta parvada de envergadura tanta-
escribíuse tanto sobre tanto
que apoiamos o queixo sobre un cráter
silencioso. Dez gramos de pudor
aínda sen cortar
no noso pulso.

Non queremos mirar. E non miramos.

Conectamos a outro porno: unha idea
núa
comendo os argumentos doutra
a medio espir:

a outra transgresión
da nosa especie.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: