hai tempo que arrecendes a jazz {e 4}

Parte final do artigo incluído no libro Festival Mozart 2011 sobre o concerto da OSG Jazz Band Os grandes estándares do jazz, 17 de xuño, 2011, Palacio da Ópera.

 6.-ON GREEN DOLPHIN STREET [Bronislaw Kaper] 1947

A película Green Dolphin Street, baseada na novela homónima, non ten moito que ver co mundo do jazz: leas de amor no s. XIX, cartas trabucadas, terremotos, sublevacións maoríes na Nova Zelandia de entón e un guion ao que lle saíu mofo.

Mellor sorte correu a súa banda sonora, que axiña soou jazzeable. O seu autor, Bronislaw Kaper, é un polaco emigrado aos Estados Unidos que antes traballara como pianista e compositor en Varsovia, Viena ou Berlín. A súa partitura no Real Book contén eses bemois inesperados, case orientalizantes, que rodearon dunha aura de misterio a moitos outros temas afíns ao jazz. Unha aura de cine negro e de local en penumbra. Pura ambientación Hollywood-anos-40.

Extraordinarios artistas, cada un na súa tesitura ben vocal, ben instrumental, deixaron a súa pegada e a súa sombra neste tema: Sarah Vaughan [con esa intriga de femme fatale nos seus primeiros compases, grazas ao seu longo vibrato e os seus graves], John Coltrane canda Miles Davis, Stan Getz, Keith Jarret ou Chick Corea entre outros, paseáronse por Green Dolphin Street. Para moitos músicos, esta rúa sonora é un lugar idóneo no que practicaren ese transo que é a improvisación, grazas á súa sinxela estrutrura harmónica.

Este tema tamén descubriu o seu lado latin da man do compositor e clarinetista cubano Paquito D’Rivera.

7.-A FESTA [Chick Corea] 1972

O sushi con grelos e polbo sería un exemplo de cociña fusión de dúas culturas, a xaponesa e a galega, que partillan certos trazos culinarios. Algo similar leva ocorrendo no jazz desde mediados dos anos 60 do século XX. Miles Davis foi un dos seus chefs, e con Davis -o Príncipe das Tebras- tocou Chick Corea, rebozando nese novo aceite sonoro que fumea nos estudos de gravación.

N’A Festa, Corea tourea maxistralmente variacións sobre o modo frixio español, unha escala que vostede e mais eu recoñeceriamos como typical spanish xa que se trata dunha das máis utilizadas en flamenco. É a época en que no sur de España experiméntase co flamenco-fusión, con Paco de Lucía e Camarón de la Isla, e a música enténdese e esténdese como un tecido continuo de sons, non suxeito a fronteiras políticas.

O boom latinoamericano acaba de imprimir [anos 60-70] o seu carimbo hispano ao grande libro da literatura universal; hai 46 anos Hemingway publicaba Festa; no cine directores italoamericanos [Scorsese ou Coppola] despuntan como mestres narradores da historia norteamericana; o duende flamenco líase co swing; o latino segue a ser un ingrediente atractivo en calquera menú cultural do momento.

Chick Corea gravará outro standard de tema hispano, Spain.

 8.-A TASTE OF HONEY [Bobby Scott/Rick Marlow], 1960

Logo de perdernos, subir ao alto da trabe do RCA Building a lombos dun glissando ou taconar no clímax dunha festa andaluza, qué menos que un pouco de mel que se nos quede nos beizos.

 A taste of honey tasting much sweeter than wine
 Do dut don du du dut don du
 My dream of your first kiss and then
 I feel upon my lips again
 A taste of honey a taste of honey
 
 Un sabor a mel, moito máis doce có viño
 Do dut don du du dut don du
 Soño co teu primeiro bico e entón
 sinto de novo sobre os meus beizos
 un sabor a mel, un sabor a mel.

Como ven, A taste of honey tamén contou con letra nun dos seus múltiples avatares. Compúxose como tema instrumental na súa orixe para a obra homónima, interpretada en Broadway en 1960. Uns Beatles debutantes gravaron a súa versión do asunto en 1963, pero o grupo de Herb Alpert and the Tijuana Brass introduciu este mel no seu tarro particular en 1965 e deulle a forma que habitualmente se escoita como estándar: tras unha soñadora introdución, unha trompeta que soa crooner lévanos de corchea en corchea ata aqueles míticos ‘60 que para nós discorrían nun seiscentos cara a unha praia da costa.

Para tocares un son, tes que elixir… elixir a nota máis importante. Aquela que fertiliza o son, o que a xente chama as “notas fermosas”. Trátase simplemente de notas fundamentais que teñen que ser tocadas. Miles Davis.

O jazz envolveu na súa pel negra a todo o século pasado e segue a facelo nas súas alquimias actuais. Miles Davis falou claramente do son dunha época, a cor dunha época. Black and blue. E soubo manter a súa grave dignidade de músico extraordinario que non exerce de pallaso cun instrumento nos beizos, senón de humano cun discurso e unha linguaxe natural, única, que mana do seu corpo como dun cráter sonoro. A vida e palabras de moitos destes artistas [heroes do blues e o jazz, como os chamou o debuxante Robert Crumb] son tamén estándares, clásicos para comprender a simbiose entre o ser humano e a música.

Estíbaliz Espinosa

by Robert Crumb

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s