Mañá mércores 21 de decembro, día en si solsticio e en re maior, o pintor e debuxante Pablo Gallo armado cos seus Hiperhíbridos [El Gaviero, 2011] baixo o brazo, chega expresamente de Bilbo á libraría Formatos [Avda. Fernández Latorre, 5-9, A Coru] para executar a presentación do libro.
Hiperhíbridos son cabezas cercenadas da súa literatura orixinal e integradas sobre corpos apocalípticos da cultura pop, punk, popfunk, skunkfunk, poppins e poppouts ao espeto, glosado todo con coulis de textos do enigma oriental Basho Bin-Ho. Retratos de escritores, vivos e, sobre todo, mortos. Páxinas microperforadas, arrincables e coloreables, con arrecendo a almanaque de ilustres vidas literarias. Qué carallo, un menú-degustación excelente para as sobremesas e os insomnios das festas que nos quedan por diante, cheas de luz y de color.
Escoltando ao executor, andaremos o outro crac debuxante Alberto Guitián [razón acolá] e mais eu. E Goldman Sachs, que polo visto o preside todo dende un discreto anonimato moi estilo Mordor.
Haberá transaccións.
Haberá transfusións.
Haberá transfiguracións.
Haberá travelos.
Rodarán cabezas. Prégase que asistan coa súa xa directamente baixo o brazo.