…Largamente consulta a las arenas.
Ulyses Fingal, Balada del Puerto de Os.
Hoxe todo o día, Vigo e A Coruña, A Coruña e Vigo, esas siamesas do circo que pelexan coma jatas siamesas, van electrocutar xuntas e morrer pegadas nun vendaval de homenaxe urbano e gris ao noso particular capitán Nemo, bebedor como o capitán Haddock e fino no trazo coma Maruja Mallo: Ulyses Fingal, o trasunto literario de Urbano Lugrís.
Premendo aquí verán máis información polo miúdo e polo miudiño.
Consultadas as areas de Orzán e Cíes, hoxe 17 de decembro elixiuse como data de homenaxe ao pintor coruñés Urbano Lugrís por parte dos colectivos A Nave das Ideas e In Nave Civitas, de Vigo e Coruña respectivamente. Nun principio, eu colaboraba co relato Hic habitat Felicitas dentro do libro colectivo que pendurará -e descargable será- A Nave das Ideas, con achegas a partir de obras do pintor, mais logo fun enredada no tsunami que levantaron os de In Nave Civitas [Xurxo Souto, Pablo Outón, Pulpiño Viascón, Asociación O Mural…] aquí na cidade da Torre. Así que pasarei o luscofusco tuneando paraugas, camaroteando en rúa Mantelería, borrazaseando no Borra -música en cru, disque- e orzaneando botellas dende a coiraza -alitérame en zeta- do Riazor-Orzán. In Nave Zivitas.
A cidade-barco.
Circe. Circe Fingal.
Logo de moito darlle voltas, quixen que o Lugrís a partir do que poñerme enferma a escribir fose non un lenzo senón un mural. Un deses dos locais nos que, acompañado de Taramancos, bebía e vivía e bevía. Un que a día de hoxe ningún coruñento pode ver, a menos que engane á inmobiliaria e finxa ser un posible alugueiro para o local da rúa Olmos, 25 -antes La Bottega e antes Fornos-. Muradáns somos. Non atopei imaxe de boa calidade dese mural, sen catalogar como tantos outros de Lugrís, malia que, como moitos coruñentos e turistas, hai uns anos sacáralle algunhas fotos aproveitando xantares alí con amigas ou familia. Velaquí algúns fragmentos desa obra:

No primeiro é evidente o mal estado da pintura nalgunhas partes do teito. As fotos son do outono do 2009.

Os actos en Coruña comezan ás 20:00 hora solar dende o Palco da Música e serán noctámbulos, tabernáculos e funambulescos. Disque van pasar moitas cousas.
Prégase que asistan xa mollados de casa.
Porque el Puerto de Os no está en las cartas
náuticas. Ninguna aguja da su rumbo.
Ningún sextante cazará en los astros
su longitud y latitud sombrías…U. L. , Balada del Puerto de Os