Onte caeume cinsa enriba, nun parque da Coruña. Disque procedía do incendio nas Fragas do Eume. Tivo tanto de tristura como de arrepío. Como se che nevase enriba unha tataravoa e, con ela, unha tataraneta.
Un reino que se petrifica.

César Antonio Molina publicaba Eume en 2007, cando desempeñaba o cargo de Ministro de Cultura do goberno de Zapatero, un cargo polémico pola súa carga contra a piratería en internet – e que só foi un avance do que viría despois-. Se ben nesa obra centrábase sobre todo na dimensión do Eume como río, o seu vencello subterráneo con outros cursos fluviais por remotos que fosen, dende o Ganxes ao Spree, un dos textos que releo estes días sitúanos na entrada mesma do bosque e di así :
NÉMESE DIVINA
Á Fraga do Eume, Linneo teríalle pendurado
o mesmo aviso que leu nun xardín de Hamburgo:
“Non fagas ningún mal e non serás vítima ti
de ningún, como o eco que che devolve
o teu propio berro no bosque”.
A estas horas podemos dicir que o Eco nas Fragas do Eume traénos o berro cheo de borrallas.
SO OLLAMOS CANDO ARDE
Si, pero a verdade é que ás veces ollamos sen dicilo. Agora se olla e se fala porque por unha banda doe e por outra amósase o xogo de despiste dos políticos e responsables do coidado das Fragas. A ollada ten moito de denuncia nestes días.