12 de abril, día da cosmonáutica

Non sei que teñen os rusos co universo. Quizais simplemente co escapismo. O escapismo dos contos de fadas, coa insólita Babá Iagá á cabeza, o escapismo do alcool, o escapismo e inmersión no cosmos. De Tsiolkovsky a Tereshkova, de Laika a Zhakonya, a carreira espacial é teima súa, contaxiada en clave bélica aos estadounidenses. A ciencia-ficción, que funciona como antesala mental para os avances tecnolóxicos, enraíza con forza na Rusia de hai cen anos: soles líquidos, estrelas vermellas, plutonia e aelita, de Verne a Beliaev… E espalla pola órbita soviética no período de entreguerras e na posguerra borborllando nun caldo quente de cultivo: matemática, enxeñería, fantasía apuntando dereitiñas á exploración do abismo negro.

Hai máis de 15 anos recurtei dunha entrevista -xuraría que dun Babelia- unha frase dun escritor ruso [ou escritora rusa, ai]. Imposible recordar de quen se trataba. Ese anaquiño de xornal leva comigo todo este tempo, amarelecido e seco, estouno a reler xusto agora. Non reproduce unha cita grandiosa ou profunda, senón subxectivamente descritiva: “Por falta de felicidade os rusos temos unha tendencia extraordinaria a crer nos contos de fadas. Así escapamos da desdita. Soñando”. Coido que unha afirmación semellante é aplicable non só ao sentir ruso. Haberá centos de culturas que se identificarían con ela, dende a inuit á maorí. Mais lembrei dela cando hai 10 anos paseei nunha exposición na Casa das Ciencias da miña cidade, unha exposición sobre Cosmonáutica Rusa. Lembrei tamén os hemorráxicos contos populares rusos que lin de nena, entramados de fantasía cruel. Lembrei do delirio mordente do Mestre e Margarita de Bulgákov. Forman unha liña non sempre regular, mais cun pulso e trazo comúns: escapar. Fantasear. Fisgar. Escapar.

Hoxe é o día da Cosmonáutica, a primeira viaxe orbital dun ser humano, o día de Yuri Gagarin. Cada ano digo que beberei un ruso branco en homenaxe, ao estilo Nota.  Pero nunca o fago. Feliz escape e aterraxe, спутники.

si, é unha postal de Nadal soviética

2 thoughts on “12 de abril, día da cosmonáutica

  1. Pingback: День Космонавтики | …mmmm…

  2. Pingback: feliz día da Cosmonáutica- Yuri Gagarin e Emily Dickinson | [... mmmm...] ✍ a tinta é enerxía escura :: literatura e placas Petri en galego

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s