Acabo de ser algo que non adoita prestar moito: xurado. Mais neste caso, foi con gusto, rápido e sen anestesia.
Os Sonigramas do Diario Cultural da Radio Galega propoñen o que podemos chamar unha cápsula de sons para crearmos a partir dela unha cápsula de texto. Tocoume o Sonigrama #63, unha viaxe polas estepas chino-rusas até a coviña no queixo de Santiago Auserón, pouco amigo das viaxes estelares así porque si.
Tal foi o Sonigrama #63 http://85.91.64.18/diariocultural/SONIGRAMA_63.mp3
E este o texto que, dos 5 presentados, coido que mellor artellou arredor del.
“Viaxe especial”
A viaxe no Transmongoliano remataba. Saín de China e deixei Ulán Bator atrás, coa intención de seguir no transiberiano cara ao norte, ao Ártico. Mudaba os cabalos de Gengis Khan polas baleas e os pengüinos de Koprotkin.
Logo de trocar uns rublos parei nunha taberna. Aquilo parecía a ONU; é o que teñen as cidades fronteirizas. Un grupo de homes subsaharianos de dous metros de alto cantaban. Parecía unha danza ritual. Tiraron a máscara que levaban posta.
Que é isto? Ouh! Ei! Que fas? Non son humanos! Lévanme á súa nave espacial! Deixádeme! Non quero!
Arturo Dopico
Se queredes participar no Sonigrama #64, clicade aquí e dádenos un motivo literario ou, cando menos, facede xustiza poética:
http://85.91.64.18/diariocultural/SONIGRAMA_64.mp3
Actualización: finalmente, e como ese día erguera algo gore, decidinme polo texto de Ignacio Lago, unha receita digna de chefs amantes perversos para ser servida como prato frío. Enjoy the supper!:
Dúas cebolas enteiras, un ovo e un vaso de viño branco. Ese é o segredo deste estofado que xa cheira que arrecende, o favorito do meu Xoán. Corenta e cinco anos casados.
— Algún día hei de morrer — dicía o coitado — pero antes hei de marchar con outra.
As cebolas son da casa e a carne pasou 3 días no conxelador antes de triturala. Menos mal que fun quen de sacarlle a alianza do dedo antes de que estragase a trituradora.
Que ben cheiras, meu amor.
Ignacio Lago