un sci-fi texto cada vez menos sci-fi

[ este mesmo poema aquí publicado pode lerse en castelán no libro colectivo Alquimia de la Tierra, da Universidade de Huelva, e no blog abra la cápsula, por favor, clicando sen preguiza aquí mesmo, aquí: clique]

Nestes días saíu á prensa esta nova:

http://noticias.lainformacion.com/ciencia-y-tecnologia/astronomia/descubren-una-supertierra-potencialmente-habitable-y-relativamente-cerca_Yyr9HJQyeL5zicRclEX9T1/

E, os 6500 millóns, todos a unha, nun mesmo clamor -utopías, a min!- non sabemos como celebralo: se con ledicia [por fin a posibilidade de escindirnos, de fundar outra Gaia, de salvarnos da apocalipse solar] ou con saudade [ e as figueiras baixo as que durmiamos a sesta… poderemos levalas canda nós?].

Polo de pronto, sentimentos encontrados. Que imos facer con ese planeta a 42 anos luz? Imos facer algo?

Polo de pronto non sabemos nin se poderemos chegar a el.

Polo de pronto, cautela. Pero a imaxinación, cargada e lista, dispárase.

Hai pouco pedíronme un texto para un libro sobre a Terra e o medioambiente. Mandara este que penduro agora e hoxe, logo de ler a noticia, lembrei do seguinte detalle: cando o escribía parecíame ciencia-ficción absoluta –a voz poética finxe ser unha colectividade humana que xa non habita neste planeta senón noutro, pero dexerga no firmamento o vello fogar, a vella Terra, e se dirixe a ela, un pouco melancólica e supersticiosamente-; despois da descuberta da que fala a noticia quizais non me pareza tanta ciencia-ficción como cando o escribín.

 
| ninguén a ciencia certa |

Que faremos logo aló tan lonxe? Monos altivos a falarche
coma se foses entendelos?

| Macizo de Kondyor, Shilin, Guelb er Richat, Tepui Roraima|

Cara a onde orientariamos as grandes lentes
de ser Titán
ou Pegasia
ou Shiveria
ou Abyssia
a nosa nova Ti?
Cara a onde e contra que raro solpor?

Espazo exterior, ao fondo á dereita.
Dilatamos no que se pode as pupilas e velaí estás
chea de ausencia. Prestábanos verte así
desde ti mesma.

Néboa laranxa nos nosos viños xeados
sen nada que indique que nos quixeches nin un pouco.
Seriamos nós os tatuadores de grutas?
Quen parimos dos teus moitos ventres fósiles e mareas negras nas que mollar a pluma, plumas, plumas de carne, pés de pato, plumas Prestige, Egeo, Urkiola
quen chuchamos da tinta túa coma fillos desnutridos
e ti concentrada nas túas ruxidoiras, tundra arriba, nas túas vellas lobas
río abaixo
ti obsesionada por salvares unha pera azul
a ollo
dunha extinción en masa?

Ninguén a ciencia certa. Tal fomos?
Ou só os desesperados que che falaban
na noite, cavando coas mans?
Escavando a palabra coas mans como querendo con ela
como querendo con ela saír ao outro lado, alén.

Alén. A onde?

Sacudimos o puzzle das nosas cacholas aínda alucinadas cos teus horizontes
e no implante da memoria nosa espreguízase un xirasol como moito.

Non eramos, logo, os teus fillos?
Ah, non agarda, ou só os chalados a falarche
coma se foses entendelos?

Signos. Enigma de séculos. Signos. Area de anos.
Tinta de tantos. Signos. Signos outros. Ti. Fillos
desorbitados. Desalmados. Designados. Signos.

| Fosa Meteor, Sima de Kamchatka, Fosa de Atacama |

Se cadra virán outros a poboarte agora que aquí tan lonxe
e sentarán zurcir tanta cicatriz das selvas
inhalando eses velenos teus en calma sen morreren
azuis
sen armar un escándalo
desenterrarán os nosos mortos
e tamén como narcisos
bañaranse en abismos infestados de preguntas tripa arriba.
Se cadra virán outros, merda para eles, e nós
namorados en masa da Koré 674
do nariz do arqueiro persa, da Chicago Bean
e, ai, o sorriso de Daniel
lonxe e máis lonxe de canto estaba a un tiro de pedra.

Pale blue dot. A un tiro de pedra.
Vida que te desvives por morrer aló no lonxe.

Magma mia, duramáter, madreperla que nos choviches coma ninguén.
Oímos falar dos teus mares e xa se nos dispara
o reflexo de mergullo.
Neviscabas lene e os da cidade como nenos
sorriamos con dentes de leite, con ganas de guerra.
A fiestra acesa do teu nome significábanos na fraga
tarde a tarde. Falábasnos
a través da xistra. Entre a frouma.
O teu neocórtex medrou antes- primixenia Rodinia-
-tataravoa Gondwana-
-tía segunda Panxea-
até a vella bóla de sempre
co seu costurón oceánico de arriba a abaixo
as mamilas dos tepuis
e as túas exquisiteces coma ovos de equidna.
Planisferio a conta de tanta bandeiriña espetada.

Ser, eramos o teu signo. O teu designio.
A túa fase febril de animais con manías.
Bipolares coma ti.
Transformistas. Eu que sei.

E mira que tal.
Non quererás saber nada de nós?
Nin sequera que tal nos vai ou cantos quedamos?
Se seguimos tan tolos como cando te chamabamos nai
e curtiámosche a pel con minas de sal e norias xigantes?
Rañaceos en Babel, sucos sementados, catacumbas en vea.
Nai. Ai, se seguimos tan tolos.

Seguramente teimas
concentrada nunha hedra rubideira
polo que unha vez foiche unha torre de París
ou os ecos feitos oco
dunha árbore africana soldada ao cabo do mundo.

Idiota preguntarcho de novo. Has estrañarnos?

Mira que ao final crimos os únicos
profetas na túa terra. E olla para nós agora.

Lembrarás de nós, os teus fillos numerosísimos
os do lixo e a ferralla
os teimudos a falarche
coma se foses entendelos?

| Pacific Trash Vortex, cráter de Darvaza, Blythe intaglios, mecanismo de Antikythera|

| illa Bouvet, vila troglodita de Barry, Marola, casa da avoa|

2012

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: