Deixo aquí unha das cousas sonoras que levara á Feira do Libro de Soria e que, por cuestións de tempo, non se puido escoitar finalmente.
Trátase dun xogo feito co programa P22 Music Text Composition Generator que transforma textos en «música» ou algoasí. Por probar, metín no xerador un dos textos de cantiga sen música máis famosos da literatura medieval galego-portuguesa, obra dun enigmático Meendiño, e saíu esta… neocantiga?
Para comezar elixín o glockenspiel, esas láminas que soan a mecanismo de campás tan mitteleuropa: http://estibalizespinosa.bandcamp.com/track/meendi-o-no-p22-glockenspiel
E este foi o resultado co taiko, o tambor xigante xaponés: http://estibalizespinosa.bandcamp.com/track/meendi-o-no-p22-taiko
Velaquí a letra de Meendiño que perdurou até nós.
Sedia-m´eu na ermida de San Simón
e cercaron-mi-as ondas que grandes son.
Eu atendendo´o meu amigu´! E verrá?
Estando na ermida, ant´o altar
cercaron-mi-as ondas grandes do mar.
Eu atendendo´o meu amigu´! E verrá?
E cercaron-mi-as ondas que grandes son:
non ei barqueiro nen remador.
Eu atendendo´o meu amigu´! E verrá?
E cercaron-mi-as ondas do alto mar:
non ei barqueiro nen sei remar.
Eu atendend´o meu amigu´E verrá?
Non ei barqueiro nen remador
morrerei fremosa no mar maior.
Eu atendend´o meu amigu´E verrá?
Non ei barqueiro nen sei remar
morrerei eu, fremosa, no alto mar.
Eu atendend´o meu amigu´E verrá?
