o corpo a hematocrítico debate

Ideas que quedan no tinteiro. Para a mesa redonda de #ocorpoadebate de antonte en Compost levaba o exemplo da antoloxía Sangrantes, de recente aparición na editorial Origami, relacionada con poemarios de autoras galegas que inciden na mesma rotundidade corporal dende o título [ Os teus dedos na miña braga con regra, por exemplo, de Lupe Gómez] centrándose en aspectos «desagradables» ou invisibilizados e desodorizados do corpo da muller. Voces que, conscientemente, abandonan o preciosismo co que se representou tradicionalmente o corpo feminino e responden dende a escatoloxía, o tabú, a merda ou o famoso sangue.

Prestábame seguir o regueiro de sangue, mucus cervical e suor peluda da aparición dos corpos en diversos poemas, dende a literatura erótica do antigo Exipto ou Sei Shonagon no Xapón até Lupe Gómez ou Sharon Olds nos nosos días.

sanghrantes2

Traduzo algúns dos poemas de Sangrantes, onde o corpo feminino non só deixa de ser ese hiperespazo idealizado e feliz da amante do poeta, senón que brúa e se abre en canle por se quedaban dúbidas:

Dano Nº 8

aos oito anos chegou o perigo
de poder reproducirme
comeza a conta atrás dos catrocentos
óvulos      símbolo
do tempo
e a gomorresina
filtrábase
pola mínima boca do reloxo de area

a nai da miña nai enfática e dourada
agasalloume un crucifixo                       o fillo de deus
lanzal e entregado               brotaba da trenza
coidado cos homes a partir de
agora dixo ela
coidado co amor a partir de
agora dixo ela
agora xa es toda unha muller
e o endometrio
imitaba un peixe ancián na súa
descamación

o espanto de poder portar un bebé pregado
no meu intestino
por terme bicado con tres ou catro
primates
comezou a expanderse
como unha epidemia imaxinaria                 inaugurei
a hipcondría                                               emprendín
o mal hábito de escribir poemas a todos os
mozos
e mozas
con estrías suaves
e ollos suaves
que me apalpaban o corazón no recreo

que significa exctamente útero e que significa
exactamente
formar unha familia

enid blyton implantaba o canon do verán no meu
tímpano
e eu quería ser como xorxe

nos aplausos das miñas mans caían pingas
de sangue de golfiño
aínda que eu me finxía plenamente indiferente ante
tanta
chuvia

aos oito anos aos centocincuenta centímetros
de óso
alegre e músculo alegre
chegou o perigo de poder reproducirme
e de poder multiplicarme
sen literatura
e un sol azul
manchaba de estróxenos e proxesterona
os xeranios                    e un sol azul
luxaba de peluxe recén nada
as tímidas
axilas

Berta García Faet

A beleza é un mal. Algo se che crava
coma un gancho de carniceiro.
Pola súa beleza son un costeleiro colgado para a
venda.
Vermella a miña carne cando o miro vexan
como me abro de gorxa a sexo.
Podería pasar horas a pingar
a contemplar
a forma do seu lombo sobre o colchón.

Miriam Reyes

Sorrín os meus amantes pálidos
completamente amnésicos
guíndolles as miñas vísceras
ruxindo de dor
mais non se alteran
eles só ven as folerpas
E son preciosas

Angélica Lidell

Ofrenda

alugo todos
os furados do meu corpo
para a miña propia ofrenda.
para curarme
logo do abuso
abandono premeditado
logo do seu cóbado
a súa perna
e o seu sobre todo.
abusareime de min mesma
antes de que sexa tarde
con moito agarimo:
de min para min.

Natalia Litvinova

Soño sucio #2

Arríncome a pel seca dos beizos. Caen, dos dedos ao chan, labras antipáticas e grises. Fico en silencio uns minutos cos beizos feridos. Tomo o cepillo de dentes eléctrico, enfronto a súa forza ao meu silencio. O cepillo, de súpeto, encheu de sangue. As chagas medran como eses familiares que só visitas de verán en verán. Incómodas; feridas como vales, un cadáver na pel seca dos meus beizos.

Elena Medel

Aporías do corpo fértil [fragmento]

Un corpo fértil é un animal ferido puntualmente pola forza de gravidade. O seu corpo fende a terra na colleita erma, a anunciación no tapiz da prolongación

bordada e desbordada

Nun corpo fértil, a chaga do incendio: unha faísca que ha arder ou disiparase coma un lirio salvaxe. Ás veces, o corpo fértil só sostén

o lirio salvaxe, lonxe do lume, lonxe do aire.

Os corpos fértiles son o epicentro da gravidade e esa forza anterior tamén poderá ser negación pura: “Ao noso rumor algún dirixía cara a nós a ollada coma unha frecha de ouro ou prata. E nós fuxiamos sen nos volver,

tremendo baixo o inmenso sol.”

[…]

Ana Gorría

3 pensamentos sobre “o corpo a hematocrítico debate

  1. Moi bo. Me encantan todas. E o sangue tamén. E hai cheiro tamén, e outro ritmo se lle deixas, e mais feromonas, hormonas… pero non hai nin unha soa pinga de sangue nos anuncios de compresas. Onde está o cheiro?
    Por que cando lle digo ao meu pai que teño a regra mira para outro lado? Pensará que é algo que está no ceo?
    Saúdos

  2. Os anuncios de compresas e o cheiro. Os anuncios de compresas cheiran.

    O de mirar para outro lado supoño que é unha manifestación de pudor. Non teño nada en contra de certos pudores que eu tamén debo de posuír, seguro, e que tardarán en desaparecer e serán substituídos por pudores doutra índole, mais ese pudor en concreto, o da regra, coido que trouxo bastantes problemas nas relacións entre homes e mulleres e, sobre todo, na relación das mulleres co seu corpo -esa oscilación entre a exhibición necesaria e a negación autoimposta- ao longo de moitos séculos.

    Saudade!

  3. Se sustituimos unhas crenzas por outras, pois si, substituimos uns pudores por outros. Pero é posible desbotar crenzas sen poñer outras no seu lugar. O baleiro absoluto é ben dificil, pero viríanos ben facer un pouco de oco nos miolos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: