Borges renegaba de Baudelaire, logo de telo sabido de memoria. “¿La fama de Baudelaire? La cursilería gusta. Qué triste llenar la literatura de almohadones y muebles y mostrar la maldad como meritoria. Baudelaire es la piedra de toque para saber si una persona entiende algo de poesía, para saber si una persona es un imbécil; si admira a Baudelaire, es un imbécil”. Borges, segundo Bioy Casares.
A alguén lle saíron xa as cores? Ou Borges tamén era un pouco imbécil, enchendo a literatura de labirintos e espellos e militares rancios e amosando a adxectivación como meritoria?
Baudelaire non segue vixente -segue vixente?- por ter sido anatematizado por alguén como Borges, supoño. A súa exaltación cidadá -no poema en prosa Moitedumes [Les Foules] por exemplo- foi saudada como unha modernidade incontestable. Así e todo, o «pagaabsentas» [grazas polo termo, L.] que debeu de ser este home, non enguedellou só en versos ao tanto de cabeleiras femininas tendidas en colchóns urbáns bañados en luz de boulevard e de revolución industrial. Algo do pouso da naturalia quedáballe na xema carbonizada dos dedos. No poema Obsesión, nos seus múltiples poemas sobre gatos, por exemplo.
E se Baudelaire era un boíño? Un miñaxoia? Riquiño?
Podería morrer de adxectivos coma estes, un bo bodelerián. Mais… e se?
O caso: a semana pasada lin un dos poemas sobre gatos nun recital modernista en Sada. Baudelaire non pertence, por datas e estilo, ao Modernismo literario, pero si é un dos que influíu nel.
Por que Gatos? Por que Obsesións?
Obsesións: porque as pareidolias -iso de ver rostros nas nubes ou nas vetas de mármore, poñamos- que coido que é ao que se refere no último verso do poema, non só non ten cura senón que parece agravarse e compartirse cada vez máis.
Gatos: porque… internet. Gatos. Gatos. Internet. Horror. Gatos. Internet. Sabedoría. Esfinxe. Pero gatos. Gatos en fotos. Gatos caendo. Miañando gatos. Gatos en internet. En fin, neste poema vese a evolución do gato en menos de 200 anos: de esfinxe sobrenatural a pallaso con fotoxenia.
Agosto é un mes imbécil.
OBSESIÓN
Trad. de E…E
Fragas inmensas, arrepiádesme coma catedrais;
ouleades como órganos; e os corazóns malditos,
estancias de dó eterno a vibraren vellos estertores,
responden aos ecos do voso De profundis.
Ódiote, Océano! Os teus chimpos e tumultos
atópaos o meu espírito en si; ese riso amargo
do ser vencido, cheo de salaios cheo de insultos,
síntoo eu no riso enorme do mar.
E canto me prestarías, ouh noite, sen estrelas
con esa luz que fala unha lingua sabida!
Pois procuro o baleiro, e o negro, e o nu!
Mais as mesmas tebras sonvos panos
onde viven, agromándome dos ollos por miles,
seres esvaecidos con olladas familiares!
OS GATOS
Trad. de E…E
Os amantes ferventes e mais os sabios austeros
aman por igual, na súa estación madura,
os gatos poderosos e suaves, orgullo do lar
sedentarios coma eles, coma eles, friorentos.
Amigos da ciencia e a delicia
procuran o silencio e o horror das tebras;
o Erebo ben que os tería por fúnebres corceis
se a súa braveza fose quen de someterse.
Adquiren, mentres soñan, as nobres actitudes
das grandes enfinxes delongadas en soidades
que parecen durmir sempre soños sen fin
Os seus flancos fecundos van cheos de máxicas faíscas
e partículas de ouro e mais unha area fina
fulguran vagamente nas místicas pupilas.

Coincido en que Agosto é un mes imbécil. Grazas polos poemas. Gusto moito do teu blog.
Merci bien