Jean-Henri Fabre. Que personaxe. Morreu hai 100 anos tras pasar a vida pateando a Provenza, sobre todo en pos de insectos e arácnidos, e esmelgando observacións sobre eles para mesturalas con ideas e poemas propios. Contemporáneo de Darwin, pero antievolucionista. Autodidacta. Crente. Fisgón. Dez tomos de «Souvenirs entomologiques».
Dez tomos de souvenirs entomologiques se balanceaban sobre la tela de una araña. Como veían que no se caían…
E trufando todo ese detallado -e non menos lírico- estudo, matemáticas: xeometría das tearañas. Un capítulo memorable, cheo de espirais logarítmicas, número e, eadem mutata resurgo, parábolas, cunchas de Ammonites e demais familia espiral. Un capítulo que, algún día, me gustaría traducir completo para SagaS…
Por certo, tomo unha licencia estival e traduzo Souvenirs entomologiques non como «Recordos entomolóxicos» -a súa versión máis exacta-, senón que retomo esa palabra que adoro: CHILINDRADA.
Unha chilindradiña entomolóxica de monsieur Fabre entre mergullo e mergullo.
«E velaquí que o abracadabrante número e reaparece, inscrito nun fío de Araña. Nunha mañá bretemosa examinemos a tearaña que se acaba de tecer durante a noite. Debido á súa humidade, os pegañentos fíos están cargados de gotiñas e, cambando polo peso, convertéronse nunha morea de catenarias, nunha morea de grilandas de xemas brillantes, delicadas cadeas dispostas en exquisita orde e a se curvar como randeeiras. Se o sol atravesa a néboa, todo se ilumina de fogos iridiscentes e converte nunha espléndida lámpada de araña.
O número e na súa gloria toda.»
Chilindradas entomolóxicas, Jean-Henri Fabre
Tradución de Estíbaliz…Espinosa
Que pinta o número e en todo isto? Por ser el quen está detrás de todo crecemento constante [colonia de bacterias, por exemplo] e de toda curva a pendurar no espazo entre dous puntos [catenarias, pontes colgantes e fíos de arañeira], velaí a súa fórmula: e é igual ao límite cando n tende a infinito de 1 máis 1 entre n elevado a n.

«Voici que l’abracadabrant nombre e reparaît, inscrit sur un fil d’Araignée. Considérons, par une matinée brumeuse, le réseau qui vient d’être construit pendant la nuit. A cause de leur hygrométrie, les gluaux se sont chargés de gouttelettes et, fléchissant sous le poids, sont devenus autant de chaînettes, autant de chapelets de gemmes limpides, gracieux chapelets rangés en ordre exquis et retombant en courbes d’escarpolette. Si le soleil perce le brouillard, l’ensemble s’illumine de feux diaprés et devient splendide girandole. Le nombre e est dans toute sa gloire.»
Souvenirs entomologiques, Jean-Henri Fabre