Debo dicir que estilisticamente é endiañado e non me resulta fluído para nada, pero Stephen Jay Gould foi, ademais de paleontólogo, un decisivo e incisivo pensador da nosa época e concordo -e agradezo- co seu enfoque desparasitado sobre a literatura e a ciencia. Que rescatase a alguén tan sui generis e inclasificable como o gran clasificador de bolboretas -e escritor- Vladimir Nabokov faino acredor dunha sensibilidade sen prexuízos con respecto ás humanidades e as artes. E isto que traducín publicábase en 2002, cando ciencias e humanidades adoitaban vivir en apartamentos separados. Arriscar sempre é pagar o prezo de ser raruno, do contrario non é arriscar. Bravo, Stephen! -bravo Vladimir!-.
Os seguintes fragmentos proceden do ensaio «O paradoxo da promiscuidade intelectual » recollido no volume «Acabo de aterrar: o Fin dun Principio en Historia Natural», publicado en 2002 en inglés e en 2007 en castelán por Crítica -na fabulosa colección Drakontos, que tantas alegrías mentais alumeou-.
No percorrido destas liñas, Gould alicerza unha idea motriz: a arte [ou a literatura, xa que as toma indistintamente] e a ciencia e, en última instancia, a creatividade humana, teñen a súa orixe na mesma unidade mental que subxace a cada disciplina. Ambas son fillas tanto da imaxinación como da observación.
A ciencia non se limita a unha colección de datos e a literatura non é un xéiser de inspiración convulsa que vén dunha das lúas de Xúpiter. Viven interconectadas, ganchilladas ao mesmo cerebro cunhas agullas do 6. E Nabokov é a súa proba vivinte -como coidador dos lepidópteros no Museo da Universidade de Harvard, na que el mesmo era profesor- de que un pode ser sublime como escritor sen deixar por iso de ser sublime como taxónomo de bolboretas azuis. É máis, pode que incluso ser sublime nunha cousa é o que lle leve a ser sublime na outra.
Os extractos están recolleitados da web brainpickings.org curada por María Popova e foron sementados a galego por Estíbaliz…Espinosa. E, por suposto, debo lembrar á primeira persoa que me falou de Nabokov, me puxo nas mans Lolita e me explicou que o ruso aristócrata era afeccionado ás bolboretas, que capturaba coa súa dona Vera; a persoa a quen dedico todo canto escribo dende sempre e así seguirá a ser, xa que el sementou en min a curiosidade e o asombro por todo, así fose mundo natural ou de tinta e sintaxe. O meu irmán maior. Guillermo.
«Tendemos a unha apracible tolerancia cando grandes pensadores e artistas se dedican a actividades dispares como hobby inofensivo, furtando pouco tempo aos seus logros fundamentais… Lamentámonos se temos a sensación de que un interese subsidiario roubou resultados preciosos dunha empresa principal de enorme valor… Cando caemos na conta de que unha paixón secundaria subtraeu tempo substancial dunha fonte primaria de fama, tratamos de aliviar a nosa dor por novelas perdidas, sinfonías ou descubertas autoconvencéndonos de que un amor subsidiario do heroe debe de ter conformado ou enriquecido a actividade principal: noutras palabras, que a perda en cantidade podería verse compensada cun aumento na calidade.
Nabokov non era un amateur [no sentido pexorativo do termo], senón un taxonomista profesional de arriba a abaixo, totalmente cualificado e de claro talento, con recoñecida autoridade de primeira orde na bioloxía e clasificación dun taxón concreto, as Polyommatini Latinoamericanas, popularmente coñecidas entre os afeccionados ás bolboretas como as «blues».
Ningunha paixón ardeu tanto nin tan fondamente na vida de Nabokov como o seu amor pola historia natural e a taxonomía das bolboretas. Comezara ben cativo, estimulado por unha tradición de estudo da historia natural entre as clases altas da intelligentsia rusa [por non falar das cómodas vantaxes económicas de tempo, recursos e oportunidades].
[…]
As razóns comunmente esgrimidas para atribuirlle a Nabokov un estatus de amateur ou mesmo de só dilettante proceden da simple ignorancia das definicións aceptadas en canto á profesionalización neste campo.
[…]
Nabokov adoraba as súas bolboretas tanto como a súa literatura. Traballou durante anos como un completo taxonomista profesional, publicando máis dunha ducia de papers que constitúen a proba dun tempo substancial.
[…]
Todos os eidos contan con petardos e imbéciles, así ocupen altos postos!
[…]
Na procura dalgunha explicación para esta mágoa lexítima, podemos consolarnos sostendo que o xenio transcendente de Nabokov permitiulle facer tales contribucións innovadoramente únicas e distintivas tanto para literatura como para os lepidópteros. Por moito que desexásemos que el tivese distribuído doutro xeito o seu tempo, podemos, con xusta xenerosidade, cando menos garantir o seu imparcial impacto e avance na historia natural… Porén, ningún historiador da natureza viu nunca a Nabokov como un innovador, ou como integrante do que os humanistas chaman «avangarda» [ou tamén avant-garde] e os científicos «ciencia punteira». Nabokov puido ter sido un tenente xeneral da literatura mais só chegou a infantería, cunha fiable e adestradísima carreira en historia natural.
[…]
Malia que o tempo investido en lepidópteros moi probablemente restoulle á súa produción literaria, o saber específico e o punto de vista filosófico que Nabokov obtivo da súa carreira científica con certeza forxou [ou cando menos contribuíu vivamente a ] o seu estilo literario único e sublime… Se cadra o vínculo esencial entre ciencia e literatura reside nesa aproximación característica e subxacente de Nabokov a ambos os dous dominios: un procedemento que confería os mesmos trazos peculiares a cada un dos seus esforzos.
[…]

[…]
Entre os grandes pensadores do século XX, non vexo mellor caso que o de Nabokov para demostrar a hipótese de que unha unidade subxacente de estilo mental [en certo sentido merecedor do atributo de xenio] pode explicar os logros dun home no traballo exhaustivo e profesional en dúas disciplinas convencionalmente consideradas dispares, cando non case opostas. Se podemos demostrar que este modelo de éxito interdisciplinar se debe a unha coordinación e unicidade mental subxacentes, en vez de recorrer ao argumento clásico da manifesta influencia dun campo sobre o outro, a historia de Nabokov ben pode aprendernos algo importante sobre a unidade da creatividade e a falsidade [ou seica a continxencia] da nosa tradicional separación, con habituais reproches mutuos, da arte e a ciencia.
As aparentemente dispares carreiras de Nabokov atopan, por tanto, o seu chan común na característica peculiar do seu intelecto fóra do común e unha estraña destreza: a atención case obsesiva ao detalle meticuloso e preciso que tan ben lle serviu tanto para a produción literaria como para a descrición taxonómica, e iso perfilou o seu insubornable compromiso coa facticidade ademais de co principio moral e o garante e guía principal cara á calidade estética.
Por todo isto, ciencia e literatura acadan a súa fusión no territorio ben palpable das cousas concretas, e no valor que lle outorgamos á precisión, mesmo nos detalles máis nimios, como guía e áncora nas nosas vidas, amores, na nosa noción de valioso…De todos os subcampos científicos, ningún sitúa nun escenario tan relevante a importancia do máis mínimo detalle como a profesión escollida por Nabokov, a descrición taxonómica de organismos pequenos e complexos. Para operar como un profesional competente na sistemática das Lepidoptera, a Nabokov non lle quedou máis que aferrarse á atención polo detalle e desenvolver un gran respecto pola infinita variedade da natureza.
[…]
A excelencia definitiva e universal dun taxónomo profesional alicerzou o substrato para a fóra do común e (no caso de Nabokov) transcendente excelencia dun escritor.
Unha corrente antiga e basicamente antiintelectual nas artes creativas comezou agora a fluír con máis forza que nunca antes na nosa memoria recente: o tentador canto de serea que afirma que o espírito da creatividade humana establécese en oposición directa ao rigor na educación e á observación, que nutre tanto o noso amor polo detalle dos feitos como a nosa adquisición de coñecemento e comprensión suficientes como para empregar ese record de logro humano e marabilla da natureza.
Non existe parvada máis perniciosa que esa suposición habitual de que a ollada máis fonda nas grandes cuestións sobre o sentido da existencia ou a estrutura da realidade, xorde sen reparos cando unha mente indisciplinada e despexada (léase, mellor, ignorante e sen instruír) sobrevoa os meros saberes e asuntos terrestres. A razón primordial para enfatizarmos a estética suprema e o valor moral da precisión detallada dos datos, que tan ben captou Nabokov, radica na nosa necesidade de combater esa aura seductora de filisteísmo, se queremos manter que a arte sublime é froito tanto da artesanía como da inspiración.
[…]
Se na nosa leira do saber asignámoslle de máis á importancia do detalle, non nos quedará nada para a teoría xeral e o asombro integrador. Un modelo tan estúpido de funcionamento mental só pode xurdir dunha errónea comparación metafórica da creatividade humana con sistemas irrelevantes baseados en recipientes de recheo dunha soa peza: peniques dentro dun porquiño peto ou galletas nunha lata.
Celebremos a excelencia de Nabokov na historia natural, e alegrémonos de que fose quen de usar as mesmas destrezas e inclinacións da súa mente para seguir o vieiro doutra forma de don.
[…]
A creatividade humana semella traballar máis como unha peza coordinada e complexa, sexan como sexan as distintas énfases que as materias dispares esixen: e perderemos a característica común subxacente se só acentuamos as distincións entre disciplinas externas ignorando a globalidade do procedemento interno. De non recoñecermos os trazos comúns e característicos de toda actividade de creación humana, non habemos apreixar multitude de aspectos importantes sobre a excelencia intelectual – incluíndo a necesaria interacción entre imaxinación e observación (teoría e práctica) como un tema intelectual, e a confluencia entre beleza e facticidade como un tema psicolóxico- xa que un ou outro campo tradicionalmente minimizan unha das caras da requirida dualidade.
[…]
Non imaxino un mellor caso de proba para extraer os universais da creatividade humana que o estudo das profundas similitudes no proceder intelectual entre artes e ciencias.
Ninguén captou o alcance desta unidade subxacente mellor que Vladimir Nabokov, que traballou con diferentes excelencias como un profesional absoluto en ambos os dous dominios.
[…]
Nabokov rompeu as fronteiras entre arte e ciencia expoñendo que o anceio máis precioso de cada dominio debe tamén definir calquera excelencia do outro: e é que, despois de todo, a verdade é beleza, e a beleza, verdade.»
Stephen Jay Gould

Un descubrimento
Pinturas negras, tronos, pedras que os peregríns beixan
Poemas que tardan mil anos en morrer
Pero imitan a inmortalidade desta
Etiqueta vermella sobre unha bolboretiña
V. Nabokov, 1943
«Coidade os detalles, os divinos detalles. Na arte elevada e a ciencia pura, o detalle éo todo» Nabokov
«Non hai ciencia sen fantasía, nin arte sen datos.» Nabokov
