da nasa ao ceo

IMG-20161219-WA0000.jpg
de Xosé Iglesias

Xosé Iglesias, poeta e mariñeiro, compartiu hai días esta foto dunha das súas capturas no mar, ao berro de Galiza Power. Alfredo Ferreiro propuxo que escribísemos algún texto de homenaxe ao centolo para a web Palavra Comum. Isto foi o que se me veu á cabeza (pero non ao estómago), unha especie de cantiga infantil ao centolo (ou -tola):

 Da nasa ao ceo

Non sabía se eras centolo ou –tola, pero andabas tan arrichado polo mundo!
Tiñas un fado punxente como risco á volta do arrecife
co teu aire de nebulosa crustácea
un caldiño blindado en rosa dura coa vida xa resolta
aí neses fondos polos que rebulías feito un
petróglifo
con
patas
pensando euquéseioqué
coas túas cousas centolas
veludas, bicudas, repoludas
nesa cabeciña que vale o que pesa.

Meu rei –eras rei-, será a túa unha existencia gloriosa
da nasa ao ceo
pasando polo sistema dixestivo dun sapiens.
Que honor, invertebrado!
Pois non sei eu que che diga.

Só agardo que tras esa foto
na que electrizas coma unha neurona peluda
non vaias dereito ao estómago
de calquera imbécil sen estómago
que nos fai emigrar, pasar frío nas casas
esmolarlle a quen nos rouba.
En suma: a calquera que poida pagarte
e te devore sen moito aquel nunha cea chea
de autocompracentes sumas.

Véxote cosmonauta de abismos mellores,
así cho digo.

Robotiño articulado, maja brachydactyla
a ver que polbo che metía o dente a ti!
Contigo no horizonte, non lle darías envexa
ao mesmo astro rei?

Cáncaro de lique, fucsia de albariño
cousiña brava da ría, que me río, ris
cacho de peito de serea, amor de Drake
anasa que te anasa…

Da nasa ao ceo, si,
quen o diría, meu rei,
pasando polo sistema dixestivo
dun –disque, a poder ser- sapiens.

Estíbaliz Espinosa, decembro 2016

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: