e todo isto vai dedicado a…

deseño Base Amethys de Citron Rouge

…a eles

Nunca faría un texto sen eles. Terían que amordazarme, logo de terme arrincado a lingua cun coitelo infectado. Terían que abrirme o cerebro polo sitio preciso das palabras onde eles viven coma larvas e, con coidado, aplicar o escalpelo. E seccionar. E mesmo así persistirían lugares dentro de min, no meu cerebro [o meu universo coñecido ] de onde emerxerian eles. Todos eles. E a mutilación tería sido en van.

_Falas de min, acaso?

Si, claro. Falo de ti. Por todas as historias que nin sequera cheguei a propoñerche, e que querería ter contado, de ter sido eu unha verdadeira escritora.

_Historias? Cales historias?

A historia de Yare, por exemplo. Ou a de Emilia. A historia de Guillermo. A de Guillermo Julián. A de Irving. A de Inés. E tamén a de Sandra, e a de Susana, e a de Vita, e a de Carolina, e a de María….

_Xa intentaches contarme a historia de María

Non, non esa, senón outra María. En realidade dúas, ou tres. Coñezo moitas marías con historia. Hai unha que é xemelga miña; outra que vive no blog do Lado.

_Algunha máis?

Pois ocórreseme a historia de Bea. A de Samuel, claro. A de Luis, a de David, a de Alberto, a de Bruno. A historia de Lois. A de Michi, un gato que coñecín e non posuín, porque nunca se posúe un gato. A de Aarón e Raúl. Tamén a de Emma. A de Mariña, a de Gabriela. A de Iván . A do Alto. A de Viti. A de Rubém. A da Higinia. A de Isabel e Eva. A de Bettina. A de Alfonso e a de Mario. A dos Salamandrios Gavieros. Tamén a de Andrés Tamén a de Gari. A de Pablo e a de Branda. E a de Estefanía.

_Estou mareando. Levaríame unha vida saber de cada un deles.

Si, claro. Unha vida. A miña.

_Teño curiosidade por saber qué me contarías nesas historias.

Pois que eu transcurro con todos eles nalgún lugar, pero non sei cal con exactitude. Que para eles pediría os mellores zumes, as mellores roupas. Que para eles traería danzarinas do leste do mundo, e as historias máis marabillosas do oeste do mundo. Para telos xunto a min no hemisferio norte e no hemisferio sur. No dereito e no esquerdo.

_E iso é todo?

Que para eles inventaría historias enteiras e non truncadas á metade. Faría ese esforzo se, a forza de cavilar, prolongase a súa estadía nesta terra un só instante. E a miña con eles. Eu tamén quero vivir namentres eles vivan porque a vida non me ten graza se falta mesmo que sexa un. E non me podo supoñer a aburrida existencia sen eles, noutro planeta, por exemplo, ou nunha praia deserta comendo ourizos de mar con desconsolo.

Para eles os mellores zapatos, as mellores cereixas. As de 7 euros o kilo. E percebes polos que arriscan o cu os percebeiros da cidade na que vivo.

Para eles as máis lindas Sherezades, collíns de raso. Entradas para todos os espectáculos. Viaxes en globo. Circos flotantes.

Hologramas. Strippers. Esta man. Estes pes fríos a perpetuidade. A miña voz cálida de anuncio. Para eles que están en todo e son todo. Non tan cerca como para abafarme. Nin tan lonxe como para facerme sentir orfa. No punto milimétrico entre a que ergueu unha mañá sen coñecelos a todos e a que se deita hoxe dando unha lista completa dos seus nomes.

Alugaría un foguete e poñeríaos en órbita. Alugaría unha fábrica de chocolate, unha destilería e un asador de polos. Asaltaríamos un tren en marcha. Roubaríamos abrigos e perlas e tarxetas de crédito e máscaras venecianas.

Nunca faría un texto no que eles non estivesen. E se algunha vez fixen algo, nese algo están.

Non hai palabra sobre a páxina que non conteña un aceno seu, un seu xeito de rir ou chamarme.

Que eu faga calquera cousa, inacabada, imperfecta, a eles contén.

As músicas máis inauditas para eles.

Eu non dou abrazos. Pois os abrazos todos de dentro dos meus brazos.

As miñas palabras por inventar, os nosos sangues entrelazados nun encaixe de Camariñas, as miñas ilusións ópticas para eles.

Sen acabamento.

Para eles. Por tocarme algunha vez.

Porque me tocaron.

Para todos eles.

 

estíbaliz...espinosa

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: