Hoxe, 9 de outubro de 2007, estou feliz de presentarvos o meu novo proxecto de comunicación entre literatura e artes dixitais: «Pinte un bisonte na caverna, por favor», no Centro On de Caixa Galicia da Coruña.
Había tempo quería artellar encontros híbridos que xunguisen a literatura, a fotografía ou a arte a novos formatos expresivos, nomeadamente os dixitais.
Logo de procurar un espazo que acollese esta iniciativa e de deseñar un programa variado en nomes e perspectivas, tanto de Galicia como de fóra, estréome dirixindo este ciclo que se desenvolverá entre o mes de novembro de 2007 e marzo de 2008. Traerá á caverna -esa sala de ponencias do Centro On que me semellou unha caverna a primeira vez que a vin, pequena e audiovisual- a unha serie de creadoras e creadores que están reinventando os nosos xeitos de pintar nas cavernas, de mirar, de ler, de participar.
Dezanove escritores e artistas, dez mulleres e nove homes, do sector audiovisual, do literario, da crítica, da fotografía e a arte. Redefinindo a arte de pintar, de comprender e de mirar a través de espazos como salas de arte, blogs ou plataformas de fotografía -fotolog e Flickr- e de vídeo.
Algúns virán en parella, confrontando xeitos de ver e modelos para armar.
Será os xoves de 19 a 20 h. durante finais do outono e todo o inverno até o despuntar da primavera. A entrada é de balde [pero os relatores non veñen de balde, respectemos sempre o traballo, por favor!]. Presentareinos a todos e cada un como merecen. Teño moitísimas ganas de os coñezades e viñades pintar bisontes canda nós!!
A Arte é un híbrido monstruoso e queremos contalo e velo!
Velaquí a nota de prensa que o Centro On de Caixa Galicia, que patrocina este ciclo, presentou:
«O Centro ON Caixa Galicia (Cantón Pequeno, 9-11. A Coruña) acollerá nos vindeiros meses o ciclo “Pinte un bisonte na caverna, por favor”, un proxecto que reunirá, ata o vindeiro mes de marzo, unha escolma de creadores galegos moi vencellados á web e ás súas ferramentas de comunicación.
Pintores, escritores, fotógrafos ou videocreadores, todos coas novas tecnoloxías coma eixe común, pasarán polo auditorio deste espazo coruñés para compartir co público o seu traballo, exhibido día tras día na rede a través de blogs, fotologs ou flickr, entre outras.
“Este novidoso proxecto intenta”, segundo a directora do ciclo, Estíbaliz Espinosa, “volver aos inicios artísticos do home, cando empregaba as paredes da súa caverna para expresarse artisticamente. O auditorio do Centro ON Caixa Galicia é a caverna e a pantalla xigante, a parede onde o artista plasmará a súa obra”.
Con esta iniciativa, Caixa Galicia quere apoiar a autores noveis e consagrados en distintas disciplinas artísticas para que poidan amosar os seus traballos fóra da rede.
Así, na aprogramación figuran dende críticos literarios coma Alfredo Ferreiro, ata fotógrafos coma Rebeca Saray ou Javier Quintana, creadores audiovisuais como Sara Jess, Iván López Gimeno ou Marina Núñez, ou autores multidisciplinares como María Lado ou Igor Lugrís.
Web e tecido cultural
Nos últimos anos internet transformou radicalmente as relacións entre o autor e a súa obra, e máis entre o produto cultural, o seu público e a industria, unha mutación absolutamente radical que define a escolma feita para este proxecto.
“Os blogs están a crear de forma decisiva un soporte de intercambio e información entre o tecido cultural que supera as barreiras da visibilidade nos medios tradicionais, e instalan novas rutinas prácticas entre os sectores da produción cultural que provocan que, na actualidade, poucos proxectos culturais novos non empreguen a internet nunha, en varias ou en todas as súas etapas de creación, distribución e retroalimentación”.
O Consello da Cultura Galega, no seu informe “A comunicación en Galicia 2007”, xa sinalaba a importancia destas ferramentas da web nos procesos de creación do noso tempo, unha influencia crecente que queda retratada nesta mostra, “a primeira deste tipo que se fai en Galicia”, segundo a organizadora.
PROGRAMACIÓN
22 NOV Iván López Gimeno Fotografía http://www.ivanlopezgimeno.com/
29 NOV Olga Osorio Fotografía http://olgaosorio.wordpress.com/
13 DEC Maria Lado Blog http://casatlantica.blogspot.com/
20 DEC Elba Fernández Fotografía http://www.flickr.com/photos/pequenasuricata/
Rebeca Saray Fotografía http://www.fotolog.com/dosismortal
10 XAN Pablo Gallo. Ilustración http://es.geocities.com/pintorgallo/
17 XAN Branda Plástica http://brandapinta.com/principal.htm
24 XAN Sara Jess Vídeocración http://ocartafoldesilencios.blogspot.com/
31 XAN Adrián Figueroa Ilustración http://www.fotolog.com/onionboy
Noemí Cubillo Fotografía http://noemicubillo.com/
07 FEB Estibaliz Espinosa Blog https://estibalizes.wordpress.com/
14 FEB Alfredo Ferreiro Blog http://olevantadordeminas.blogaliza.org/
21 FEB Igor Lugris Blog http://www.agal-gz.org/blogues/index.php/ovnis
28 FEB Samuel Fernández Animación http://www.acola.net
06 MAR Sandra García Rey Fotografía www. flickr.com/photos/pequesquimal
13 MAR Iván Marcos Vídeocreación http://www.aadteg.org/ficha.php?ids=165
20 MAR Javier Quintana Fotografía http://www.fotolog.com/kevincarter
Pablo Honey Vídeocreación http://www.fotolog.com/notdesign
27 MAR Mariña Núñez Audiovisual http://www.ma.uva.es/~antonio/MarinaNunez
Auditorio Centro ON Caixa Galicia. Cantón Pequeno, 9-11. A Coruña.
Horario: de 19.00 a 20.00 horas
Entrada libre e gratuíta.»