esa ten forma de… de… de post?

20071008091024_dsc_1010-large.jpg

Vía Lois Carril chégame esta páxina da que se fai chamar The Cloud Appreciation Society.

A malla é un bo diagnosticador do manierismo ao que pode chegar unha sociedade. As capacidades de vínculo entre un ser humano e outro son versátiles, inesperadas. Rocambolescas. Sabemos que hai amigos da tortilla campesiña, asociacións pro tacón de 16 centímetros, gourmands do caracol do Languedoc rebozado nas súas propias babas. Sabemos que estamos interminabelmente sós baixo a xeada cósmica. Seguimos sós? Vou comprobalo co meu telescopio ultraespacial… momento…

Si. Para alegría dos nosos filósofos e das nosas preguntas sen resposta, seguimos sós.

Desa unión anodocatódica entre nos asociar baixo o pretexto que for + mirar o ceo para ver se xa por fin veu alguén penetrar a nosa esfera virxe, xorde esta Sociedade para o Aprezo das Nubes que ve pasar cúmulonimbos da choiva con emoción e unha reflex preparada sobre un trípode nun descampado. Mentres as persoas normais o que fan é recoller a roupa ou meter as vacas na corte. Unha sociedade conformada por tipos que chegaron á convicción de que tanta forma de nube insólita non podía vivir sen coñecerse ata que berraron: Stop. Asociémonos. É de balde! E faremos barbacoas virtuais os domingos.

Unha sociedade para todos vós que, apoiada a vosa estúpida cabeciña sobre o brazo dalgún outro estúpido, xogastes a dicir Mira, esa semella un dragón chino. Non, non, é un samovar ruso. Non, é o cu dun elefante indio. Africano, con esas orellas. Teu pai, con esas orellas.

Unha sociedade para todos vós, fartos de ver as fiestras de enfronte nas que non hai máis que cachondas poñendo e quitando albornoces. Para vós, que esquecestes palabras eufónicas como cirroestrato.

De verdade que ver sucederse nubes é unha atracción de ricos. Pero o cautivador non ten por que votar ao mesmo partido político que nós, que hai moito tempo que non votamos nin vemos a tele. En certo modo, ver nubes parécese moito a ver imaxes de nús por internet. Hai algo intercostal nas nubes. Hai algo da túa forma de agarrarme nas nubes. Non me doe expresamente. Hai algo eterno como morder un pezón aí. Nas nubes. Hai algo e algo é unha proba inconstante de que a vida segue baixo a xeada cósmica. Baixo cada pequena explosión da que só coñecemos un difuso resplandor en nada parecido a nós. Calmante.

Se entran na páxina poden entreterse nos cloud lookalikes.

De súpeto, sentín que me facía pequena e que na miña caída de incríbel muller minguante escoitaba isto: Round the bend. Beck.

Memoria para enxertos futuros: hoxe tirei fotos de canicas coa cámara nova. Hoxe botei moito de menos a I. Vai e volve. É un boomerang alto, da madeira coa que se tallan os soños duros. Os celmes.

O día seguinte decátome de que…: …para oprobio ou seica simplemente por molestar con esa levada e traída memoria histórica das cousas, o perfil das rochas de Monument Valley [o da foto é o Monument Valley] parécese bastante máis aos indios malismos das pelis de John Ford [Cicatriz] que aos anódinos bos de ascendencia irlandesa. Unha vinganza muda e lapidaria puxo neses penedos os rostros do pobo exterminado. Así. Co silenzo un pouco idiota e un pouco devastador das pedras. Por xustiza cósmica.

One thought on “esa ten forma de… de… de post?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: