calafríos musicais [chill in]

natalieshaw.jpg

imaxe: Natalie Shau

O lugar permanece átono. Ti sentas cuns auriculares. O teu corazón latexa como foi aprendido a facer. O sangue, que sería dun cobizado ton escarlata se poidésemos velo a través da pel, segue un traqueteo preciso, sen sobresaltos. Os pulmóns inflan e desinflan como pequenos flotadores azuis. Son a sede da tristeza na medicina tradicional chinesa. O bazo, bacea. O fígado, atúrao todo. O estómago dixire restos do almorzo. Con alegría.

Todo semella normal en ti.

De súpeto a túa espiña dorsal cobreguea atravesada polo alampo. O fino pelo oculto nos brazos, nas íngoas, na caluga… ouriza. A pel dilátase como un campo de xirasois. As pupilas crecen, alimentadas de nervios. Ningunha víscera segue o compás de hai uns minutos. De aquí en diante seremos unha especie de cousa abandonada na auga. As nosas entrañas tratan de reacomodarse como poden. E a sensación morre.

Son calafríos musicais. Todo compositor, mediocre, ambulante, xenial, cortesán, megaestrela, funcionario, boapersoa, xenioinmundo ou ratadecloaca, todo aquel que trebella cos filamentos da música no seu laboratorio, trata de sabotear a conexión para que dea calambre no futuro público. Unha peza musical pode ser máis ou menos anódina porén, se tiver unha pisca de xenio, agochará por algures segundos sublimes. Poden ser ata minutos. Outras veces, nanosegundos. Os trucos para logralos poden ir dende simples cambios de volume ata complexas variacións no ritmo, sorpresas musicais, harmonías inesperadas ou instrumentos que, de socato, quedan sós, abandonados no bosque e entoan melodías crúas, puro óso, que nos parten a vida entre o que foi antes de escoitalas e despois.

Todos saben do que falo.

Todos somos presa desa sensación, buscámola na asepsia do iPod cando levámolo a todo volume namentres eliximos as verduras no mercado. Sentadas no bus, fronte a ama de casa con varices. No tren, entregando o noso billete con indolencia. No coche, a 150 un día gris. Somos a carnaza do calafrío musical. Do estremecemento.

La mer, Debussy, De l’aube à midi sur la mer: segundos finais. Dende o 7′ 30” nesta maestática versión. Ourizado de pelo con timbais

Angelene, PJ Harvey: toda ela, sobre todo o ritornello constante do piano. É unha das cancións favoritas desta época da miña vida [como noutrora foron temas de Madonna, Tracy Chapman ou Capercaillie]. Melancolía power

The box 1, Orbital: primeiros 3 minutos. Canto paseei eu polo mundo con este tema nas orellas

Nimrod, Variacións Enigma IX, Edward Elgar. Con este tema coñecín o botón repeat dos reproductores de CD. Supoño que nalquela altura eu agardaba algo. Construía unha torre…

Rock Music, Pixies: adrenalina porque si

Vem, Madredeus: arpexio de guitarra dos primeiros segundos que se repite ao longo do tema

La cathedrale engloutie, Debussy: exactamente do 2’24” ao 4’40” nesta versión de Michelangeli. Chea de graves mergullados, submariños, pegados como anémonas nun campanario

Pyramid Song, Radiohead: ambientación sonora de fondo. O piano, a voz do tipo, a percusión. A partir do minuto 2′ está o momento sublime

All along the watchtower, Jimi Hendrix roubándolle o temazo a Bob Dylan: 2′ ata 2’58”

Requiem, Mozart: primeiros segundos de Lacrimosa, dende o 14” ata o 58”.

Main Titles, Blade Runner BSO: dende 1’10”. Podo dicir tantos tópicos de todo isto…

Chant d’amour 2, Messiaen,Turangalîla : minuto 1’55” a 3’52” por se a alguén lle interesa [a min] do título desta sinfonía provén o nome de Leela, a cíclopa de Futurama

Paranoid Android, Radiohead: sobra falar da xenialidade desta xentiña. Aquí van dúas cancións nunha, ou a min parécemo. A balada final é soberbia, pero que me din deste intermezzo do 2’09” ao 3’04”

Killing in the name, Rage Against the Machine: foi mítica, que queren. Especialmente gustábame dende o 50” ata o 2′

Comfortably Numb, Pink Floyd, The Wall: cando di When I was a child I had a fever [1’24”] e o I have become comfortably numb [1’54”]. E o little pin prick exactamente no minuto 2′ 52”. Está logradísima a atmosfera narcótica e de indolencia neste tema. Unha déixase caer…

2ª Sinfonía de Mahler, Resurrection, [cantei iso no 2005 coa OSG. Pfff. Impresionante. Tiñamos que subir dende un pianisísisimo, como zombies emerxendo da terra e, nun crescendo paulatino coa mezzosoprano, rematar levitando tipo anxos por notas etéreas, o la sostido, o si natural. Cantar iso dentro dunha orquestra é unha das sensacións máis taladradoras que existen. Auferstehn, ja, auferstehn wirst du mein Herz in einem Nu. Rexurdirás, si, rexurdirás, corazón meu, nun breve instante. Non puiden rematar de cantar do subidón. A partir do minuto 2:30 desta versión de Abbado]

Rape me, Nirvana: 28” ata 1’02”

I cover the waterfront, Billie Holiday: en realidade gústame o raspado da voz dela. Vai ben co abatemento

Me pas dans la neige, Keren Ann. Non chega a sublime. Limítase a ser charmante.

Signore Ascolta, Puccini, Turandot: os pianisisisismos da Caballé pinzados por unha harpa de fondo: do 2’12” ata final

Cheek to cheek, Louis Armstrong& Ella Fitzgerald

Invisible Sun, Police: un dos meus principios preferidos de tema. Ata o segundo 40”

Jardin Féerique, Ravel, Ma mère l’oye: primeiros 58”. As imaxes deste link parécenme un horror

Im Abendrot, Strauss, Vier Letzte Lieder: maxestuoso fin existencial. 5’25” ata final

Vuelta de paseo, Enrique Morente& Lagartija Nick: non agardabamos isto no minuto 1’55”

Thriller, Michael Jackson: a voz de Vincent Price un golpe de efecto inesquecíbel no minuto 2’52”

Round the bend, Beck: ambientación sonora

A Day in the life, The Beatles: ese subidón orquestral ata o ultrason. Dende o minuto 3’58”

Lullaby, The Cure: a partir do segundo 20”

The court of the crimson king, King Crimson: dende 58” a 1’25”. Pero hai unha frautiña por baixo nas estrofas que moito me gusta, pastoril ela.

En fin, ata aquí por hoxe. Que cunda.

Engadido do 8 de marzo: alguén suxeríume algúns minutos da Suite do Paxaro de Lume, de Stravinsky, sen dúbida unha das obras máis celestiais e infernais do século XX [aínda que lle gaña en demoníaca a Consagración da Primavera]. Déixovos con esta versión na que o propio Stravinksy, sen batuta e con certa usura emocional, dirixe a parte final desta obra elexíaca, sincopada, eterna.

Línkovos tamén outra versión que eu prefiro, con esa trompa de caza que parece chamar aos deuses e toda esa lenta metalurxia final. Lembro que Bruno dicía que non aturaba unha versión desta obra na que o tempo fose un miligramo de segundo máis acelerado. Supoño que rompe un pouco o clímax do costume.

7 pensamentos sobre “calafríos musicais [chill in]

  1. Olá Estibaliz. Antes de nada parabéns pola nova web. Também quero felicitarche polos textos ofrecidos en A Regueifa Plataforma. Desde Sacou, apoiándonos na licenza Creative Commons, fixemos un enlazo a un dos teus textos recitados e puxemos unha foto túa. Espero que non che importe. Unha forte aperta do todo o Colectivo e ata pronto!!

  2. coincido no de killing in the name e das pezas clasicas sempre levo Fantasía de Schubert no ipod

  3. Glósóli, hoppípolla, starálfur ou calquera outra de sigur rós….. calquera dos minutos de calquera das cancións…

  4. Eu, para dar a nota coma sempre, veño en tono superficial. Viches o anuncio do novo operador de móbiles? (Simyo, creo que se chama).
    Para min que che plaxiaron a cabeceira do blog…

    E agora si, xa me poño serio.

  5. ola aos do colectivo literario Sacou. Hai lustros que non coincidimos!

    chousa da alcandra: coido que si o vin, pero non o mirei. Así que non sei en que copiaron o da cabeceira. Pero se a copiaron… que lles cunda! E se non… que me cunda a min.

    grazas aos que continuades coa lista

    e a todos polo voso tempo, ho

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: