mil monos marchan

Igor Lugrís, un señor que se dedica no seu lecer a poñerlle constricións aos que se chaman poetas, desafía ao universo dende o seu blog.

Primeiro foi o do cadáver exquisito. Unha morea de versos chuzados dende todos os recantos do globo, dior me perdoe o sutil paradoxo desta frase. Non contento coa proeza, agora ínstanos, tal cal faría Perec dende a tumba [non Peret dende a rumba, non se me confundan] a argallar un poema, lipograma ou queseieuoqué no que cada palabra que vostede enxendre no seu neocórtex comece coa mesma letra. Todas as palabras coa mesma? Todas, si. E logo por que? Ah, amigo. Se non queres xogar, non xogues. Pero non veñas augar a festa.

Unha especie de agotemos as posibilidades do alfabeto. I eu creo nese tipo de máximas absurdas como salvación humana, así que…

…cerebralmente condicionada coa carismática constrición, consonte comigo, cismei con curiosidade. Coño. Carallo. Veleiquí vos vai:

MIL MONOS MARCHAN

Máis marcianos
Menos musas
Máis mutación medular manifesta
Menos mentiras maxistradas. Militares. Monárquicas. Mitradas
Máis máscaras mordaces
Máis malva matutino
Menos mans moinantes manipulando multitudes
Máis maruxía, moita maruxía
Menos mandaríns marcadamente mediáticos
Máis mutismo
Menos música metade mediocre metade merda
Máis metabolismo máxico
Menos mileuristas muxindo ministerios macrocéfalos
Menos magnates miserábeis
Máis Marilyn Monroe
Menos mínimos
Menos matrimonios
Máis Marlene, Matahari, Murasaki
Máis mímese
Menos morbo médico
Máis michos, máis meigallos
Máis Moebius, Miguelanxo, Modigliani
Máis máquinas milagreiras
Máis maelstrom, menos marines
Menos munición mellorando mutilacións
Menos medios maquiavelos
Máis mentiras mitolóxicas
Máis mais
Máis Marx
Menos mundo
Máis M31
Menos M30
Menos memorias, máis mnemosine
Máis mourindade, máis
Menos mulleres mesmamente misóxinas
Máis migracións menos mortificantes
Máis moléculas mollando margaridas
Menos modestia moderna mixtificada
Máis monstros mariños
Máis Maruja Mallo
Menos mitins
Menos mal
Máis mimo
Máis misterio

E…E 2008

Por que me miran así? E logo que esperaban dalguén que rexenta un bloj chamado …mmmm… cal madame?

estidiana.jpg

imaxe: polaroide da casa

Coidado. Agora ameazo co W o Y e o Z. Os que ninguén quere…

Actualización do 24 de febreiro: vexo que dúas aguerridas blogueiras xa seguiron a proposta-meme de Igor  a través deste post. E con excelentes resultados que fan caer mandíbulas.  Aquí e aquí. Fagan xogo!! O abecedario é finito, señores!!

Datos de interese: vivimos no tempo dos fenómenos cósmicos paranormais. Polo visto, sobrevoan as noas insensatas cabeciñas nubes polares inzadas de ácido nítrico que, lonxe de presentar un aspecto tóxico ou radiactivo, collen un aquel de madreperla, nácara, tornasol boreal que as fai interesantes a mazo. Persoalmente, espero que chova.

Tamén, se se fixan ben e practican o insomnio, poderán ser testemuñas dun eclipse de lúa, mañá de madrugada…

Mirando ao ceo un atopa de todo. Salvo o por que da terra.

6 pensamentos sobre “mil monos marchan

  1. Coido que non me dá o neocórtex para tanto, xa lle custa traballo xestionar o vocabulario para construír frases do xeito convencional. Recordoume ao monólogo do principio de “V for Vendetta”, todo con uve.

  2. hormiga: grazas. Xa lin a túa achega. Igor vai estar encantado

    Raíña con v de vermella: pois si, non lembraba o da peli. En realidade, supoño que é un xogo que xa se ven facendo dende hai tempo. É unha especie de aliteración hipertrofiada.

    Chousa de Alcandra: un crente. Interesante…

  3. Estíbaliz: obrigado pola publicidade, pola propaganda, polo agit-prop.

    Vou somando letras, vou somando textos… Avante com o abecedário!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: