Aconteceu o 20 de decembro. A sala-caverna encheu.
As convidadas foron dúas. As dúas fotógrafas. As dúas manipuladoras das fotos. As dúas moi novas. As dúas cun talento e un estilo claros, irrebatíbeis. As dúas chegaron aos meus ollos antes que aos meus oídos a través de internet. Chegar a elas pola casualidade, tirando do fío de Ariadna.
A primeira en expoñer foi Pequena Suricata, pousada no mundo real como Elba. Elba Fernández. Xa falei aquí do seu onirismo. Do seu punto de vista manchado. Empañado. Hibridado con certa melancolía fantástica.
Silence?
A súa posta en escena foi silenciosa e por silenciosa, intensa: unha presentación en vídeo [neste aquí podedes ver e escoitar un fragmento] con música seleccionada, mais unha escolma de fotografías con textos. Tivo a delicadeza dos magos que amosan os seus trucos e no vídeo inseríu un making-off case paso a paso dunha das metamorfoses das súas creacións, dende a foto orixinal ata o resultado final.
Elba non practica a diafanidade. Prefire recluírse no palimpsesto fotográfico, na imaxe riscada na que por baixo aparece outra imaxe e debaixo outra e debaixo outra. Será por iso que o exercicio de perderse nas súas fotos promete achádegas diminutas en recunchos aparentemente homoxéneos co todo. Resolve con fantasía xogos de palabras transmutados en imaxe. Superpón. Ordena. Autorretrata. Todo cun compás submariño, cun aquel de alga ou estatua.
A outra convidada, Rebeca Saray Gude, emprega o pseudónimo Dosismortal. Abraiantemente prolífica, Dosis desenvolve unha iconografía de temas, texturas e escenarios propios do goth. Os seus retratos son tan plásticos que confunden ao espectador. Tan crus porque perturban. O curioso de Dosis é que, lonxe de ficar nese ámbito de pose sinistra, gore, explora outras temáticas tamén marxinais cunha sinxeleza aparente: series de vellos, do cárcere de Carabanchel ou retratos eróticos en contextos derruidos, sucios. Ten un selo bastante claro malia que, como asegurou mentres pintaba o seu persoal bisonte na caverna, leve pouco máis dun ano nisto da fotografía. Pero os seus retoques son sempre contrastados, limpos, como se lle pasara un escalpelo ao ruído da imaxe.
Black Butterfly
Ás veces lémbrame a algo circense, estrondoso e non sen certa maxestade, o cal pode chocar. Tamén é sorprendente a cantidade de modelos espectaculares que consegue. Ou seica a espectacularidade resida, precisamente, no tratamento da fotografía.
Na presentación optou tamén polo vídeo, deunos un paseo pola súa galería multitudinaria de flickr e falounos un chisco dos seus estudos en Madrid. Da súa morriña.
Estíbaliz, me gustaría proponerte realizar el prólogo de una mini plaquette que saldrá en la bella varsovia, si te apetece. Mi mail es lunamonelle@hotmail.com Lo hablamos tranquilamente y te envío los poemas, etc.
Un beso muy muy fuerte, dentro de muy poco nos vemos en Almeria!!
Niguén describe o meu universo en palabras mellor ca ti. Niguén, nin sequera eu.
Graciñas!!!