O día 24 de xaneiro veu Sara Jess ao ciclo este dos bisontes. Sara Jess, pseudónimo de Lara Bacelo. Presentou varias das súas brillantes propostas en vídeo. Primeiro un, protagonizado por Turi: unha conversa baixo a forma de monólogo dun home peculiarmente reflexivo, desinhibido, diagnosticado. De. Esquizofrenia. Conversas con Deus.
A conversa deixa momentaneamente pranchada á audiencia.
Lara devólvenos o pulso pinchando varios vídeopoemas nos que pestanexa a súa ollada algo turbia non sei se por nostalxia, por saudade, por inocencia que se é consciente de estar abandonando. Son fragmentos atravesados. Non sei moi ben de que.
Rotos. Non sei moi ben por que.
- territorios [o stage6 pechou, así que non sei onde se poderá conseguir]
- fuxida
- carta dun domingo pola tarde
Por suposto, gústannos. Moitísimo.
Na butaca sentadiña penso. Non moito. Non é san. Pero vouno compartir: penso que a imaxe e a fotografía seguen dúas vertentes:
- a vertente brillante, a da imaxe de alta definición, enormemente agresiva porque imprime ante os nosos ollos cousas que non estaban aí, cousas que nós non vimos. A fotografía que mellora o mundo. Un mundo de contornos idealizados. A fotografía exultante de técnica. David LaChapelle oucomoseescriba por exemplo.
- a vertente opaca, a que trata de interpoñer pó ou tempo [son, e logo non, a mesma cousa] entre nós e a imaxe, a fotografía turbia, algo rachada, manchada. A fotografía tímida. Que, á fin, tamén nos amosa un mundo que nós non vimos. Que non estaba aí. Unha imaxe arcaizada -que para inventar palabros está o blog-. Un mundo de contornos esluídos. A fotografía de Sara Jess- Lara Bacelo, por exemplo.
Unha repentina categorización que nin sequera sei se resultará operativa.
Máis, pero moito máis non seu cartafol de silencios
canto se diga sobre o talento desta nosa Sara Jess vai ser pouco. O mesmo que pasa coa dona desta casa, por certo. 🙂 Apertas frías dende aquí.