Non querería -pero estou a piques de facelo- redundar no tópico pop de que certa publicidade pode rozar máis lírica que un libro de versos impreso, cosido, encolado, distribuído como tal. E vendido e deglutido como tal.
Levo varios anos impartindo aulas en publicidade e aventuro que, dentro dese inframundo deostado por servir, vehicular e ilustrar [e mesmo metaforizar] á cultura do consumo e do mercado, atópanse vetas na cara interna nas que resplandece o enxeño expresivo, o acerto nas técnicas e materiais, o punch directo ao rostro e talvez -de tela- á mente do espectador… e todo iso, toda esa torsión da linguaxe, esa precisión, ese escalpelo, non son os ferraganchos que se lle presupoñen a esa cousa quenonseimoibenqué que é poesía, ou?
-e por favor, non me retruquen con expresión de cordeiros degolados iso de que, a diferenza da publicidade, a arte non se vende. Xa non –
Anuncios inesquecibles coñecemos todos. Si, os anuncios son circunstanciais. Xa. Son efémeros. Tamén. Sensubstancia. Pfff, e cánto. Son aéreos coma organdíes e ferralla cósmica. Os anuncios. Se ben algúns, cos seus jingles e a súa inxenua arte de rimar, penetran e incrustan no noso código xenético e mesmo poden chegar a constituír o derradeiro que lembremos antes de morrer.
Non o nome en caligrafía do amado, o sorriso con dentamia de leite da súa filla ou aquel solpor de interior de caramuxa nas dunas de Corrubedo. Non. Un anuncio absurdo, entrevisto entre sopa e segundo prato, que entrou directo no seu hemisferio dereito e por alí pervagou, rosmando encol da antigravidade dunhas zapatillas deportivas, todo cun fondo musical minimalista…
A derradeira imaxe na nosa pupila que se dilata a medida que a vida se nos contrae. Imaxinan?
Non desprecen a publicidade. É a materia lene, a pasta follada [e si] con que está feita a súa vida.
Velaquí varios botóns de mostra:
*Premiado e onírico mergullo un chisco Nemo e destinado a dotar de certo fascínio os traballos domésticos:
*Odiamos a Nike por Naomi Klein, por vendernos zapatillas que valen tres infancias e ducias de vacunas e logo endosarnos anuncios impecables coma:
*Este paréceme un texto moi traballado. O peor é a sintonía fenoseira de fondo:
*Por suposto, Repsol é merda. Xa o sabiamos, grazas. Pero da merda tóxica, Repsol resulta que liba un sutil néctar de merda coma este, aproveitando o tirón tatoo, e nolo serve en copa de ouro:
Anuncios que carimban expresións durante unha tempada: guerapaunnn, be water, my friend, corpos danone, sentirse flex, si bebes, no conduzcas… Ou acenos: o polgar no beizo do tipo Martini. Ou personaxes: o calvo da lotería, Papa Noel… E un millón de soniquetes, fanfarrias, jingles, covers, sintonías pegañentas coma resinas…
*O mesmiño Don Quijote [unha profesora que coñecín ameazábanos: nada de El Quijote ni Quijote, sino DON Quijote ] mereceu este espléndido spot no seu aniversario:
*Farangullas saudosas de merendas doutros tempos:
Faralas, Nocillas, Tragabolas, as cortinillas, eses fogonazos de faísca, deseño novidosísimo, inxección de modernidade audiovisual do momento, diálogo cine-publicidade [acaso estas cortinillas dos 80 non desprenden un certo aire láser de Tron?], vasos comunicantes do mundo orella-ollo…
Non hai nada, nin unha mazá partida en dous nin unha lata de refresco abandonada á intemperie nin un coche precipitado no fondo dos mares, que oxide tan axiña coma a publicidade. Son termómetros do paso do tempo. Os anuncios. Os spots. Os comerciales.
Con todo, sigo sen atopar dous dos meus anuncios preferidos: un coido que de Renfe, en debuxos animados, cunha música a piano que levo cantaruxando media vida sen tela volto escoitar endexamais. De finais dos 80, calculo. Outro dun carro [Audi?] no que o vehículo enumera as miserias do corpo humano fronte á perfección da máquina, mais ao final ceiba unha bagoíña lamentando non ser carne de orgasmo. Este xa do 3º milenio. Post-Terminator 2, fixo.
Algunha vez fallas, youtube.
Si alguien sabe de ellos, le ruego información.