como cando mordes un debuxo e está cru

Na miña enladrillada e lenemente asmática cidade de provincias, cada ano Batman fai horas extra como sentinela no alto do edificio do Banco Pastor e Spiderman agatuña pola columna estriada do obelisco, supoñemos que ambos coa nobre finalidade de velar polo mundo: as finanzas un e o tempo o outro. Pouco máis fai falla para que rode un planeta.

Cando iso acontece, a feira do cómic Viñetas dende o Atlántico está en marcha.

Hoxe veño de deambular por alí, entre fragmentos de enciclopedias délficas e edicións Sins Entido.

Os cómics sérvenlle ao homo sapiens para contar tumores da imaxinación, imaxinoses. Isto é evidente: o debuxo, como obra da fantasía humana prefire vencellarse a ese xénero, o da fantasía, de xeito que boa parte das tramas e personaxes que moran esmagados baixo dúas tapas duras cun selo editorial desenvolven nos límites humanos do cosmos, as posibilidades físicas e anatómicas e as conxecturas sobre ciencia, política ou filosofía.

Endalí, os debuxos funcionarían como un dispositivo ou entidade paralela, siamesa a nós, que nos ilustra o cómo teríamos sido, o cómo poderemos ser, o cómo se cadra somos.

Pero asemade as ilustracións, desvencelladas xa do campo unicamente infantil, serven a outros fins: atenuar a crueza do humano, por exemplo. Neste conmovedor e espléndido anuncio de Amnesty International France, titulado Ink e feito por TBWA baixo a direción artística de Erik Vervroegen, as sombras das torturas, violacións e lapidacións quedan amortecidas, amaciadas, por uns debuxos sobrios, de estética moi francesa [algo de Moebius hai, un Moebius branco e negro e quizais tamén algo de Renaissance]. Os corpos son brancos [vítima] ou negros chameantes [torturadores]. A intrusión nese mundo plano e bicolor dunha sinatura [o elemento chave do spot] en azul -a cor máis característica dos bolis de medio mundo e cuxa tinta eslúe para transformar nunha ferramenta de salvación- comporta a maxia da palabra, a maxia da tinta tamén, a redención [a amnistía] a través do que permanece nun papel representando a un ser humano que apoia unha causa para salvar a outro humano.

Sería igual de terrible ver todas esas escenas filmadas con seres humanos reais? Os debuxos anestesian pero, ao mesmo tempo, fannos conscientes de que a realidade é máis desapiadada aínda. A carne maltratada dun debuxo é unha simple rozadela. Como nas cuestións sexuais, as rozadelas suxiren máis que caricias obvias. A suxestión deste vídeo, alomenos a que eu tiro, é que a súa crueza mantense en suspenso, gravitando, pero inevitablemente .

Por suposto, logo de emocionarse vendo este anuncio e levantarse logo a comer un iogur e elixir -mazá ou albaricoque?- e volverse sentar e poñer un vídeoclip de, poñamos por caso, Floria Sigismondi e logo achegarse á tele a ver ximnasia artística chinesa e a calzarlle as zapatillas ao teu fillo, que ten os pes tan fríos… despois de todo iso e de que esa conmoción primixenia polo vídeo de Amnistía fique sepultada baixo capas de emocións contiguas, a unha múrchaa a sospeita de que ata que punto estas manifestacións funcionarán como bálsamo artístico no medio dunha sucesión de bálsamos artísticos, apaciguadores [o mundo vai ben… aínda hai criatividade no medio dun fogo cruzado!!] como o son youtube, deviantart, flickr…

[Excurso: É a arte, multicopiada, excesiva, un bálsamo como o foi o interior dunha capela na relixión católica?

Lembro os meus apontamentos de clase, as miñas primeiras historias escritas… non eran máis que viñetas, debuxos, bálsamos]

Aquí tendes outro anuncio da mesma liña e a mesma equipa. Unha vez máis, e dun modo marabillosamente realizado, plasma algunhas desas situacións nas que un ser humano desexaría que o tragase a terra [ou que o levase un globo, ou que aparecese plop! unha escaleira ou unha ave xigantesca…] A música é a mesma, en idioma serbio. Estremecedora.

Cando un vai botar unha sinatura detense un intre. Asina. Que pode significar isto? Isto que fago? Este xesto diminuto…

Servirá?

3 pensamentos sobre “como cando mordes un debuxo e está cru

  1. qué buen artículo. me ha costado leerlo porque no leo en gallego pero es muy buena la reflexión sobre la función de la animación en la publicidad. no se si es posible leerte en español. sí?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: