Odiosos son moitos. Imaxinen, de 6.600 millóns alomenos 5.000 deben de ser repulsivos crónicos.
Existen algúns odiosos queribles e outros odiosos patéticos. Queribles son aqueles que resultan pesados, inconvenientes non por vontade propia, senón por egocentrismo, ignorancia ou mesmo grosería.
Os odiosos patéticos son os aproveitados de calquera caste. Os abusóns. Un subtipo, por exemplo, resúltame dun patetismo que roza o rubor, o meu rubor, claro, ruborízanme, pásoo francamente mal ao seu carón: os e as escritores ou artistozuelos en xeral que, exercendo de incomprendidos, de deostados, de feridos e cicatrizados, viven coma funcionarios dos parabéns de gobernos de turno, premios de turno, proteccións de turno… en definitiva, uns incomprendidos semisubvencionados.
A súa obra éme indiferente, polo xeral facilona e esperable. Son as súas presenzas físicas as que me ruborizan ata o punto de cuestionarme se escribir realmente serve para algo se unha ten que aturar iso.
Así pensaba hoxe, enxabronando os brazos.