
Nos últimos tempos un troll visitou este blog e logo paseou por outro coa mesma cantilena. Claro que o segundo blog era “da mesma póla” ou seica compartían sombra e non pasou nada.
Que queren que lles diga, critíquenme ou non, non me van os trolls. Nin que dicir dos curas [cu (ltu)r(et) as] que sermonean. E a xente con moralina que pretende dar leccións? Para nada. E a que descualifica ad personam sen ton nin son? Pois tampouco me vai. E non esquezamos os linchamentos de pirolas a «poetisas galegas sensibles». Xente que lincha mulleres [non as súas obras: ás mulleres que as fan, ad personam sempre] e logo dirase de si mesmo ou mesma neotransfeminonseiqué. E as pijadas. As pijadas… tampouco me van, hale. Hoxe non me vai nada, que lle vou facer.
Comungar con rodas de muíño, déixoo para as freguesías.
Estíbaliz…Espinosa, decembro 2008

Actualización: anos despois sigo pensando na angustia de tanta xente nova en situacións coma aquela. Sendo ou intentando que sexan humillados por se defender, por defenderen o seu traballo, ideas ou preferenzas. Oxalá batesen con algún faro que alumee, algo de argumento, algo de perspectiva. Oxalá non se deixasen dobregar. Oxalá se alzasen.
As redes sociais amplificaron todo isto. É verdade que se lexislou máis, pero o medre foi exponencial e seareiros con gana de te esnaquizar sen xeito mentres cobren a cabeza co capirote branco sempre hai. Ese gusto pola piñata, a picota e a decapitación sacrificial. Cherem. Significa a excomuñón máis severa en hebreo. E tamén, que curioso, rede.
En fin, gañastes. Todos vós. Mirade. Non teño nada, perdino todo. Que triunfo o voso. Non formo parte de sistemiña ningún. Así mellor? Podo pulir os meus lentes en paz?
Se alguén no futuro quixer documentarse sobre o caciquismo cultural, os linchamentos literarios en rede antes das rrss, as graves acusacións ad personam e sen probas, a manipulación dos feitos para xustificar unha chacinaría, o dogpiling, stalking psicolóxico, DARVO de libro, gatekeeping dixital, machismo e anonimato, prexuízo antes de saír facer calquera cousa e toneladas de mansplaining… pode poñerse en contacto comigo. Claro que gardei todo. Xamais ninguén pediu perdón por nada. Tampouco aquel que me escribiu un correo privado, escumando condescendencia e agochando burla na desculpa, desculpando para culparme e lavar así a mala conciencia. Só me defenderon 4 ou 5, nun fío de 78 comentarios. Só 4 ou 5. Entre homes e mulleres que só entraron a ver, vexar, deixar mexada territorial e marchar.
Como se lería isto hoxe?
Grazas Calidonia, sobre todo Calidonia, cristina, hiyao, brais, Alfredo. Agás por eles, paseino soa a cara descuberta ante un fatado de freguesía anonimizada, defendendo o meu traballo por unha crítica desproporcionada tras estes vídeos, feitos con móbil – e non con subvencións de cartos públicos – en 2008:
Por eses vídeos. E uns poemas polo visto abominábeis. Segundo xente que nin os escoitou, nin os leu nin me coñecía máis que de 4 fotos e 5 comentarios inoculados por uns colegas.
Por dicir que me sentía un pouco como Giulietta Massina en As Noites de Cabiria cando sae a escena cun hipnotizador e o público se burla dela. En ningún momento dixen que me sentise como unha duquesa nin como unha princesa. Como Giulietta Massina nas Noites de Cabiria! Unha prostituta na picota.
Xamais me volveron convidar a ese evento. Cobrei 80€, setemil paus e unha condena que, en tempos de guerra, levaríame directa ao cárcere, ao paredón, á execución en praza pública. Os fascistas da moral virtuosa nunca morreron, seguiron entre nós, créndose, amais, autoridades morais a través da baixeza ética, o linchamento, o pracer do sufrimento alleo e a estupidez que aplaude a inxustiza que ten ante os ollos a cambio de pertencer ao grupo. Moita espiral do silencio. E moito, moito nesgo de clase, xénero e prexuízo.
Cherem. חֵרֶם
Na prehistoria do ciberacoso, acosaron varios neste blog ou ben que se preocuparon de seguir machucando noutros con coidadosas ligazóns a min, para que o lese. Xente da cu(ltu)ra. Freguesías. Psicopatías, unhas cantas. Sei quen foron, algúns deles. Véxoos paseando ao can, noutras cousas, na rede. Falei con algúns. Fun até amábel. Somos veciños. Xamais lles interesará nada do que faga. A menos, claro, que me nominen a un premio importantísimo en Centroeuropa, China ou Escandinavia polo mesmo que veño facendo desde sempre. O poder manda. Os cartos. Os cartos bastante tamén.
Ás veces saúdo.
Outras, non.

Está vostede guerreira de carafio… a herba de san xoan curao todo, non sufra.
Com isto e um pouco mais, vai vostede batir o record de visitas e comentários aos seus posts… 😉
Ainda menos mal que estám perto já as férias de inverno. Porte-se bem, que se nom o Apalpador nom vai querer apalpa-la… digo… traer-lhe presentes e agasalhos.
Já sabe vostede (ainda que esteja mal autocitar-se), que a língua se defende bem dos idiotas. Mas que a nós, a nós, quem nos defende a nós dos idiotas.
A herba de San Xóan? Esa que medra dentro de… 6 meses?
Déixeme desfogar, ho, que outros tamén o fixeron ao seu gosto.
Qué mal senta neste país a lexítima defensa. Un ten que calar coma un moucho. Seica tamén dicir que chove
i(gor) : debería vostede auto-citarse máis a miúdo
O do Apalpador tenme moi intrigada: onde leva os agasallos? Vén tamén o 24 á noite? Por favor, que non baixe pola cheminea. E se ten que dicir algo que non sexa hohoho!
Jajajajaja, Estíbaliz, que bo! Claro que che podes (e debes) defender! Ti, nin caso, e adiante, duro con eses trolls. Unha aperta,
Luís
Ease, ease, ease! Estibaliz cabrea-se! XD XD
Non sei cando medra pero haina en infusión. Eso sí tamen pódese mercar a versión pija, o hipérico, que é eso, herba de San xoan pero en careiro.
Grazas polo dato. Conque hipérico, eh? Bueno, eu son das que lava a cara coas herbas de San Xoán a mañá do 24 de xuño.
Prefiro seguir con esa modalidade.
Nom precisa vostede de muitas ajudas para se defender, já vejo. Mas já sabe vostede que nom somos poucos, nem poucas, as e os estibalizistas, os e as espinosófilos.
Saúde e alegria.
a min inspirasme do azul ao vermello, quente e fria, menta e ortiga…
bico
Thanks for the poost