Pensei en escribir un texto, un poema ou un texto tipo conto, dos que estou facendo últimamente, levo anos con eses contos no lombo, contos que falan de ir contar algo sen chegar a facelo nunca. Pois ben. Un deses. Ou un poema. Os poemas son incómodos, a xente non os dixire ben, acéptaos por compromiso:
Xente: un poema? Vaia, e que ben – e ti advirtes un sorriso moi torcido, torcido ata dicir basta. Torcido ata dicir Basta de poemas. Non escribo un maldito poema máis.
O único que fan os meus poemas hoxendía é engordar antoloxías ou libros temáticos: sobre lobos, sobre tundras, sobre pezas de ensamblaxe nunha fábrica de retroescavadeiras… Algúns deses libros son fabulosos, pero hei recoñecer que a vida dun poema reducida a iso é unha vida dependente, de circunstancias, pouco sanguínea, máis ben mortal.
A xente acepta moitas cousas por compromiso. Eu mesma acepto moitas cousas por compromiso. Os textos que quero escribir resenten diso e cando vou abordalos, cando vou escribir sobre a protagonista que morre ou namora ou incendia algo…, entón o texto revírase e non quere saber nada de min.
Dáme as costas. O texto que eu quero escribir, isto é incrible, dáme as costas. A min.
Esas costas debuxan na pantalla un texto coma este.
É curioso, Estíbaliz, porque eu que acabo de debutar nesto da poesía publicada, tamén aprecio un certo tono despectivo na xente (nalgunha xente que me sorprendou moito) cando lles digo que si, que escribín, e mesmo publiquei! un libro de poemas… Xa sei que non é o xénero de moda, pero de aí a ter que escoitar certas cousas…. En fin, isto é só un desahogo, pero tamén quería dicirche que non é certo que os teus poemas só sirvan agora para engordar antoloxías e libros temáticos! Véxoche un tanto pesimista, Estíbaliz! Ánimo, que nin o mundo nin os poemas víranse sempre de costas! Bicos, Luís