
Cando se ten tos, fálase menos e pénsase máis. Bueno, a ecuación non ten por que ser así si e sempre. Pode devir en que, simplemente, se fale menos.
Estes días, como xa cuspín no post previo, tuso. Tuso e, moi de cando en vez, penso. Os pensamentos. Cometas de periodicidade difusa, anárquica. Vacilona. Cando volverán nos visitar? Nin se sabe.
Deixámoslles as portas abertas e unha bica de Trives na cociña do cranio, pero nin se sabe.
E cof cof.
Tuso e vencello a tos coa melancolía. Non sei se son meláncolica por tusir ou tuso por melancolía. A melancolía é bile negra. Tusir é tratar de botar bile negra pola boca.
Dior mío, serei flemática in fact? Lástima que o noso sistema sanitario sexa medieval pero os coñecementos dos seus profesionais non! Devezo por que se me aclaren os humores.
Hoxe latriquei cun vello coñecido na facultade de Socioloxía. Os dous fomos alumnos, el agora é profesor. Falamos de gustos literarios porque lle levei un libro. A el gústanlle a novela histórica e o ensaio científico. Emprestoume un. Ensaio científico. Logo de biblioteca, libros marabillosos emprestados sine die, café, té verde e buscar á súa filla Lola, despedímonos. Cando despides de alguén sempre quedas coa conversa que conformastes a base de bafaradas como un halo a envolver a túa cabeza. Un halo quente. Por que nos gusta o que nos gusta? Hai dous días faleilles entre cofscofs aos meus alumnos da sonada distinción de Bourdieu. Aí, nese contexto, parecía tan claro: os gustos son niveis culturais e o que moven e tecen é capital cultural. Simbolismos intelectualoides.
Pensaba cando regresaba a casa no 6A: por que me gustan a min os neanderthais, a vertixe do cosmos e os autómatas? Que fan todos no mesmo saco, xunto coa lingüística, os trampantollos ou a historia do cero?
A miña conclusión é que, quizais por ser humanista e un chisco misántropa [palabro? Miss Átropos sería eu, de ser Parca. Cortar fíos…], o que me atrae naturalmente é toda aquela disciplina que pón ao ser humano e á súa suposta humanidade contra as cordas. Distanciarme do humano é balsámico. Iso teñen en común a astrofísica e a paleoantropoloxía e a robótica: ollar para nós dende outra galaxia, outra especie de homínido ou unha criatura mecánica revélase xa non só unha posible aprendizaxe senón, e por riba de todo, un alivio.
Un alivio para o eu.
Un alivio tamén para o nós.
Pero de cando en vez, regreso. Deixádeme luz prendida.