
Hoxe 12 de abril de 2009 expoño que hai dúas teorías/conspiranoias contra as que creo ter argumentos.
Conspiranoia 1: iso de que o home pisou a lúa é unha montaxe. E de Kubrick, ademais.
Contraargumentación: os rusos foron os xenuínos frikis do espazo. A mellor literatura de ciencia-fición cósmica procede de Rusia [ou arredores soviéticos]. Os rusos honran ao espazo cun día da cosmonáutica. 12 de abril. Hoxe, día que escribo isto. Erixen edificios de cemento ondulado chamados Hotel Kosmos en Moscú. Por exemplo. Os grandes enxeñeiros rusos, Tsiolkovski, Korolev… Os rusos quixeron chegar ás estrelas primeiro. Experimentar coa ingravidez primeiro. Poñerse en órbita primeiro. Ignoro por que. Por fuxir desta Terra? Por refundala? Por amedrentar ao bloque capitalista? Por frío? Ignoramos por que. Pero sei que foron eles.
Se a chegada do home á lúa tivese sido unha montaxe estadounidense, o fino olfato ruso descubriríao enseguida. Os americanos tiveron que ter chegado á lúa e deixar alí a súas pegadas porque os rusos non dixeron nada. Non pasou nada. Asumiron a súa derrota. Nunha superficie sen ventos, as pegadas de Armstrong durarán se cadra miles de anos. Hai males que duran máis de cen anos. Hainos.
Para os rusos, hainos.

Teoría 2: Pódese viaxar no tempo. En concreto, estamos a piques de. Un par de axustes nuns parafusos e nunhas integrais e… voilà!
Contraargumentación ou argumento desconsoladamente escéptico: se iso fose posible, sen dúbida os nosos visitadores do futuro [Benders, Leelas e demais] terían a delicadeza de achegárense a esta nosa época de trangalladas espazo-temporais e contárnolo, dicirnos que si, que é posible, que cultivemos paciencia e perseverancia, que non claudiquemos, que o determinismo causal e o paradoxo do avó non eran máis que erratas e malversacións, que o segredo das viaxes no tempo non é máis que… Pero non o fan. Pasan os anos, as teorías, as conspiranoias, as ciencias-ficcións… e non o fan.
Non o fan.
Non veñen.
Ergo, se non veñen é porque non poden. Seica non saben. Seica nunca tiveron as habilidades.
As viaxes no tempo [cara atrás] son imposibles.
Ou iso, ou os nosos descendentes son imbéciles.
Naturalmente, non sei cal dos dous corolarios prefiro.
BSO ou por que non escoitan isto?: Laika, Mecano. O outro día pola radio escoitei a Ariel Roth poñer verdes aos Mecano. Eran presuntuosos? Eran horteras? Eran sensibloides? Eran pedantes? Eran simbolistas? Non sei. A min incrustáronseme no código xenético, como todo o que sentes con 13 anos. E unha cousa é certa: grazas a eles, aprendín detalles importantes da vida como que o capitán Scott morreu nunha malograda expedición á Antártida, a composición do aire, que a primera cosmonauta era rusa, ladraba e atendía por Laika [can de neves en ruso, por outra parte] ou o significado exacto da palabra anacoreta, que rimaba con teta.
E melodías… aínda as curraban. Mentres os meus futuros amigos masculinos escoitaban Radio Futura [eu amei a Radio Futura moito despois, xunto con Siniestro Total] eu pertencía a esa clase baixa que cun chicle memorizaba sen querer parágrafos e parágrafos de letras de Mecano mentres falaba coas amigas de tampóns, apuntamentos de Arte e brillos de labios.
http://anacibeira.blogspot.com/2009/04/planeta-dondo.html
http://206678.guestbooks.motigo.com/
BICOS GRANDES, ESTÍBALIZ!!!
a.
http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=86&idNoticia=417122