Mon semblable, mon frère, criaturamecánica, desocupado lector, lembra isto: non te parezas demasiado a min, non queiras ser demasiado humano. A nosa especie acaba con todo aquilo que máis se lle asemella.
Os neandertais hai entre 200.00 e 28.000 anos. Comezaron sendo eles, logo vós, logo case nós. Arestora, un xacemento de preguntas.
Os chimpancés : quedan sobre 150.000 [datos de Lindsay, 1999]
Os gorilas: uns 100.000. Aínda non se dilucidou con certeza cantas especies ou subespecies de gorilas existen. Cando estean por completo exterminados, se cadra gozaremos dunha visión máis clara de exactamente cantas especies nos cargamos desapareceron misteriosamente unha tarde de néboa.
Os orangutáns: quedan sobre 30.000. Caberían todos en Carballo.
En total, os grandes simios non atanguen o millón de habitantes en toda a terra. Nin sequera conformarían un país tomado en serio de pretender unírense, serían algo así como Mónaco ou Liechtenstein, unha república [unha mona-rquía] de monos langráns dedicados ao branquexo de cartos e aos deportes de espiollamento. Os primates están rodeados. Rodeados de nós. Os primos primates. Os primates con tendencia a números primos. Temos que facerlles moitos panexíricos no que nos queda de vida xuntos sobre a terra. Recadar moitos cartos para eles, filmalos en libertade e poñerlles unha música emotiva na sala de montaxe. Aínda nos queda por facer moito paripé.
Claro que por outra banda, cabe o seguinte cuestionamento: cantos grandes simios poboarían a terra de non figurar nós entre eles? Moitos máis dun millón?
Isto non é un alegato. Non son boa alegando e non se me dan os alegatos. Pertenzo a unha especie que medra, extermina e compón sinfonías. Extermina por riba de todo aquilo que máis se asemella a si mesma. Caín matou a Abel, os hutus aos tutsis e os xaponeses aos chineses. Os franceses aos alemáns e os alemáns aos polacos e os ingleses aos irlandeses. Matamos á nosa imaxe e semellanza.


Iso é a competencia. Eliminar, ás veces non a mantenta, a aqueles que coinciden connosco. En hábitos, en aparencia, en… En.
Os extraterrestres , de seren intelixentes, deberían aparentar ser diametralmente opostos a nós. No próximo Disco d’ouro que boten ás estrelas non estaría mal incluír esa cláusula preventiva: Somos así. Recomendamos polo seu propio ben que sexan doutra maneira e por favor non nos choren co Adagietto da 5ª de Mahler nin establezan lazos sociais por medo.
Mon sembleble, mon frère.
Que medo.
Chapeau
O outro día tiven unha discusión bastante agre porque defendín que os dereitos humanos tamén se deberían aplicar aos grandes simios. A min paréceme de caixón. Estou toleando de vez?
Graciñas unha vez máis, Anónimo. Valoro moito a opinión da autora do Lazarillo de Tormes, as Mil e Unha Noites, a roda e os petroglifos de Monte Xiabre.
Raíña Vermella, graciñas polos teu comentarios. Consonte ao tema dos grandes simios e os dereitos… eu xúlgoo un tema non sei se “de caixón” pero si a considerar. Explico por que matizo o de “de caixón”: a cuestión é que os animais non poden exercer os mesmos dereitos humanos porque non son dereitos creados para eles [dereito á educación? Dereito á participar no goberno do seu país? Dereito a unha remuneración polo traballo?], son dereitos creados para os homo que viven en sociedades, falan linguas, escriben, comercian coa nostalxia en forma de fotos, libros ou pelis, crean asociacións, países e estados e usan símbolos, moedas, bandeiras, cores. Un orangután vería todo iso coa súa expresión de temperado escepticismo. Naturalmente, a aplicación de dereitos que consideramos inapelables para nós [vida, dignidade, expresión, vivenda ou hábitat digno, non tortura nin escravitude] resultaría factible. No caso dos grandes simios, pola precariedade do seu habitat e estilos de vida e pola atención que suscitan en nós mesmos [atención en forma de pesados, fotógrafos, documentalistas, bruxos, cazadores furtivos, laboratorios de investigación, por outra banda necesaria e valiosa…] as leis haberían ser enormemente proteccionistas. Pregúntome: talvez se aplicasemos leis de protección de dereitos fundamentais a animais non humanos poñeriamos máis celo no cumprimento nos dereitos para humanos?
Quererán os grandes simios poñerse nas nosas mans en materia de protección?
A min pónme de mal humor que a súa poboación estea amenazada.Tamén me pón de mal humor que a nosa o ocupe todo. Sen embargo, tiven un fillo…
Ao final tamén recoñezo que a fascinación polos grandes simios ten moito de fascinación polo ser humano. O que estivemos a piques de. O que seriamos se.
As linguas e as especies non deberían desaparecer nunca. Pero para iso a lexislación ha ser moito máis forte que algunhas leis naturais e, por riba de todo, moito máis forte que certas inercias económicas, sociais e políticas.
Temos que atopar outro planeta habitable axiña xa!
Bastaría con otorgarlles o dereito á propiedade privada. Entón s¡ que interviría a Xustiza, que, a estas alturas, máis que cega é discapacitada. Aínda que non de oficio, claro, senón por beneficio.
By the way, non estou para nada de acordo -aínda que capto a ironía- con que “matamos á nosa imaxe e semellanza”. Obviamente, como ti mesma implicitamente sinalas, matamos ao diferente por diferente: Caín non é Abel, os hutus non son os tutsis, os xaponeses non son os chineses, etc. Non é exterminio homeopático (por semellanza), senón “simpático” (por contacto). Por non recoñecer as semellanzas, ao outro como semellante, precisamente. Por alterofobia. E os simios son o menos semellante a nós que existe. Lembrémos o affaire Darwin. E o creacionismo.
Eche a dialéctica do amo e do escravo: se dous suxeitos (de dereitos) non se recoñecen o un o outro como tales entón entran en conflicto ata que un deles consegue o dominio.
Deixaremos de matar -e de comernos o que matamos- cando non haxa “eles”, tan só “nós”. Cando o particular sexa subsumido (e conservado) no universal.
Sincronicemos reloxos.
Minuto 28: Bruno, coido que non hai nada tan insolente como o que, parecéndose a nós, non é nós. Coincido en que nos cargamos aos outros basicamente por “simpatía”, pero tamén por “homeopatía”. Coexisten ambas motivacións, por que non? Caín matou a Abel dado que, en certo sentido, parecíase máis a el que a Adán ou a Eva. Pero que estou dicindo? Semos creacionistas?
Non creo que non saibamos recoñecer as semellanzas. O que creo é que non sabemos deixar vivir as diferenzas. Máis que nada cando estas son sutís.
Pode ser que deixemos máis en paz aos mandrís que aos chimpancés porque non son tan nós coma estes últimos. Pero en fin, son opinións… mudables, estratosféricas, veleidosas, caprichudas, epatantes… ti sabes máis diso das opinións cando son públicas, non é? ;]
Con todo, fas ben en non opinar o mesmo que eu porque nunha destas te aniquilo.
Pulso e cambio.
Non recordaba que Caín e Abel foran xemelgos. Pode ser.
Non cres que non saibamos recoñecer as semellanzas… Pois botando unha somera ollada a historia da humanidade calquera o diría: bárbaros, salvaxes, escravitude, sexismo, racismo, xenofobia, clasismo, nacionalismo, etnocentrismo, colonialismo… por non falar das pobres bestas e demais alimañas. Un canto ao universalismo, si señor.
A única semellanza que o home recoñeceu con claridade foi a que tiña co avó dos xemelgos. Esa si.