Escribir un texto a partir dunha foto. Unha foto tomada en Bos Aires. Escribir un texto para un libro colectivo con autores de Bos Aires. Galegos e porteños. Unidos nese pequeno confín de algo que é un libro. Nós, inmortalizados nos seus chistes de brutos descerebrados, no Galo Porriño de Los Premios e no Manolito Goreiro de Mafalda. Eles, estereotipados en esaxerados de acento seductor que veñen cautivar mulleres enguedellándoas en prosapia. Borgianos todos. Licenciados en idioma.
Bastante lonxe do estereotipo clásico xorde este obxecto. Maribel Longueira é a artesá da idea e das fotos. Entremiradas I Galicia-Bos Aires, o resultado dese labor. Paralelamente, existe un proxecto análogo con textos de autores galegos e mais cubanos [Entremiradas II Galicia- Cuba].
De inmiscuírense neste obxecto encuadernado atoparán textos de Anxos Sumai, Víctor Freixanes, Débora Campos, Xosé Luís Méndez Ferrín, Eva Veiga, María do Cebreiro, Manuel Outeiriño, Yolanda Castaño, Xulio López Valcárcel, Chisco Fernández Naval, Mª Rosa Lojo, Hugo Biagini ou Luisa Valenzuela. E moitos máis. D’aló e d’acó.
O texto que eu acheguei tivo un encontrón cos trasnos que desmaquetan e saíu impreso un chisco diferente a como eu o enxendrara, sen tanto salto de liña. Probablemente mellorado. Para iso cobran, os malditos trasnos de prelo. O texto orixinal fora algo así:
Do outro lado da liña
Son a muller que escribirá esta historia. A protagonista óllame en fite ao entrar e saúdoa. Chámase Bettina.
Chámome Bettina. Hoxe telefonoume. Chegou dende Europa. Agarda por min no seu hotel do centro. Ela agarda por min alén da liña de subte que tomarei ata alí dende Devoto
agarda alén desta liña nesta páxina,
lonxe aínda de escribir unha historia sobre min, Bettina, a porteña descendente do médico republicano fusilado en Lugo que aparece nun poema de Rodríguez Fer, a pianista de Ginastera e Guastavino, que a levará a coñecer o Bos Aires querido e íntimo dunha cea con polo, o café Coruña en San Telmo, os edificios luxosamente invasivos de Belgrano, a amable disposición das follas a ser pisadas en Palermo Soho, a miña casa ao fondo dun patio con baldosas en xadrez, tan borgiana, a ñoñería ianqui desa designación: Palermo Hollywood, os piollos dos nenos aos que aprendo música, as librerías de Corrientes que nos gusta chusmear, o peso arxentino afiligranado por aquel home con tembleque, a prata, ché, a prata, eu prefiro o tempo do piano, os meus cativos con piollos e gañar menos prata, entendés?, a gata Kati, Berni no Malba e aquelas palabras escritas nun cadro, e Puerto Madero e o mate que lle regalei como símbolo de amizade, mate en inglés é amigo e iso ha ser viaxar
non concertar horarios cunha compañía áerea e cargar cun souvenir, un poema tópico e unha memoria fotográfica
viaxar é transfigurar no outro, ver a través dos ollos seus, tocar o meu piano coma se fose eu, Bettina,
e non a muller que escribirá isto e agarda por min alén desta liña de subte, liña D, siamesa destoutra liña dentro dun libro
unha liña que remata agora e na que o meu comboio detén, descendo, e fundo nunha aperta con ela
con ela, que escribirei esta historia para poñer un punto
só polo de agora final.Estíbaliz… Espinosa
Esta historiña procedía doutra máis longa que foi recurtada, podada e peiteada para a súa adaptación ao espazo da páxina. A foto de Maribel que detonou o texto [encantoume ben], velaquí:

Pero hai moitas máis fotos, fotos de recunchos e fragmentos verdadeiramente deliciosos. Fotos de chocolate, bandoneóns, fiestras entreabertas, tango na rúa, cúpulas, billares e mastros.
Máis información, na súa tenda de chuches máis próxima na súa libraría de confianza ou de desconfianza.
BSO: a miña Betti tocando Piazzollas
Aiiiiii Bos Aires, que recordos….
E todavía non identifiquei a parada de subte, e botei moito tempo nelas.
encantoume “a amable disposición das follas a ser pisadas en Palermo Soho” sempre nas irregulares beirarrúas que semella que as raices das árbores quérente botar fora…meu barrio!
….E manda carallo, chamarlle praza Serrano a praza Cortazar….
tampouco sei cal é exactamente a parada de subte. Tereillo que preguntar a Maribel
Praza Serrano é o nome popular? Porque alí había un carteliño que dicía Praza Cortázar…
Un saudismo
Sí, o nome popular e Praza Serrano. O nome digamos real é Cortazar e sí que hai un cartel, de cerámica, pegado na parece dun bar que pon Praza Cortazar…pero no cartel das rúas, este que é tipo mastil, pon xa Praza Serrano.
E non queda ahí a cousa, esa praza se lembras, é o centro de encontro de varias rúas, e cámbialle o nome a unha o chegar a ela. Antes era todo Rúa Serrano dende Corrientes (ou Warnes incluso, non me lembro) ata Santa Fe, e agora é Rúa Serrano, topas coa praza, e a continuación, a mesma Rúa chámase Rúa Borges ata Santa Fe, que nese anaco de rúa queda a casa do escritor enriba dunha perruqueria 🙂