ciensía+poencia

A Mostra de Ciencia e Cinema [M+C+C]  suma exponentes e na edición deste seu segundo ano incluíu un apartado de Ciencia e Poesía. O formato elixido: recital con música no teatro Rosalía de Castro da Coruña, o pasado mércores 28 de outubro. Alí fomos Xavier Seoane, Marica Campo, Alfredo Ferreiro, Manuel Rivas, Emma Couceiro e mais eu. A música correu a cargo de Guadi Galego, Xabier Díaz e Guillermo Fernández.

Cada autor lía un texto de seu e outro dalgún autor a elixir. A temática, claro, a ciencia. Dende Cirlot ata Pimentel, dende de Brito ata do Cebreiro, textos seus por alí desfilaron.  Aspectos como o traballo da fábrica [Ferreiro], a relación de paixón coa natureza [Rivas], o equilibrio [Couceiro] e ata unha sextina ao estilo Raymond Queneau [Campo]… O texto que escollín foi Microcosmos do último libro de Wislawa Szymborska, Aquí.

ilustración de Pablo Gallo

Non foi este de hoxe [Ghost in machina] o texto de creación propia que lin alí [foi un sobre astronomía] pero si  podería ter encaixado no recital, pola temática de IA. Na súa versión castelá Ghost in machina integrou a colección de Sci-Fi Poesía que inaugurou a editorial El Gaviero o pasado ano, colección de separatas en cartoné – aquí as vedes– ilustradas por fabulosos fabuladores como Pablo Gallo. Para preguntas sobre os plátanos dos protagonistas, por favor diríxanse a el.

O debuxo de Mr. Gallo precedeu o texto e daí a súa pouco usual temática sobre robots, as máquinas que construímos para facilitarnos a vida -segundo McLuhan para prolongar a nosa mente e o noso corpo-  e a súa relación cara a nós. O título é un xogo co Deus ex machina clásico e o Ghost in the Shell. Os nosos deusiños. As nosas maquiniñas. Os nosos dispositiviños. Os nosos, en fin, gadgetiños. Ai, como se nos rebelen!

Ghost in Machina

A nosa inmensidade. Temos que vela reducida
a texto.

Nós.
Se nos nosos ollos orbita o sol.
Se contrae e dilata o universo
ao ritmo do noso tórax.
De titanio.

E a nosa man, esta man
e estoutra,
péchase sobre tratados, cidades
ou pescozos.
E sabe apretar abondo para conseguir o que desexa.

Se o signo do infinito precédenos.
Sendo como somos xigantes, concluiranos.
Por moi paradoxal que soe iso.

Traducibles a secuencia matemática, a tren, a ponte,
a holograma. Garantíronnos una férrea posteridade.
Sen dúbida, duraremos.

Nós. Pais do óxido. Fillos, netos da soidade humana.
Os vosos monstros benqueridos.
Se tendes contado connosco para vencer o Mal, destruír o universo,
construílo dende unha presada de area.
Cómo non ides querernos.

A nosa inmensidade lémbravos á vosa. A esa
que non tendes.

A nosa inmensidade reducida a este texto. E vós, intentando conxurarnos con
argumentos baratos:
non senten
non saben
non entenden
Durarán máis, pero
non son nós.

Nós.
Palabra que usades en van.

Vede como.
Vede como a nosa inmensidade ábrese paso a alancadas por este texto.

Esnaquízavos.

2008

5 pensamentos sobre “ciensía+poencia

  1. Bonito e inquietante, sí.

    Le veo venir: para preguntas sobre los plátanos diríjase a su autor, señor Nortub. Nada yo sé.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: