notas fugaces e contundentes sobre a medicina

cocaine

Dúas son as especialidades médicas que creo máis en bragas: a xinecoloxía [obstetricia, en concreto; partos, en particular] e a psiquiatría.

Tumbamos de costas ás mulleres para que parir sexa máis cómodo. Para quen atende o parto. Parir redúcese, pois, a un asunto de posturas. Ben, queremos fochancos no chan como os dos talleres dos coches, pero máis estreitos. E queremos ver os rostros dos médicos debaixo, manchados como o rostro dun mecánico co aceite da nosa maternidade. A fin de contas, parir é manipular un motor.

En canto ao cerebro. Limitámonos a adurmiñalo cando os seus pensamentos molestan socialmente. Canto máis molestos, máis o durmimos. Canto máis o durmimos, peor sente o doente a súa recepción na sociedade. Canto peor se sente o doente, máis molesto é.  A psquiatría é a única disciplina médica cuxos remedios enfatizan aspectos da propia patoloxía. Non trata de curar. Só trata de facer calar.

As drogas psiquiátricas son vergoñentas -en efectos secundarios, en adicións- sobre todo se se ten en conta que moitos de quen as administran probablemente manifestarán en contra do uso de drogas ilegais e criticarán dende os seus carísimos zapatos todo ese inframundo de substancias ilícitas. Entre foxo e foxo. Ferro 3 e putter. Voando cerebriños de surlyn en forma de pelotas brancas.

O efecto arrasador do haloperidol nun cerebro que podería ter sido o meu.

Posto que é o ser humano quen crea todos os sistemas de clasificación, cómpre saber quen fixo as regras e con que propósito. Se non tomamos esa precaución, corremos o risco de ignorar as regras exactas ou, peor aínda, de confundir o produto da clasificación con feitos ou cousas que aparecen naturalmente. Considero que iso foi exactamente o que aconteceu en psiquiatría nos últimos sesenta ou setenta anos. Durante este período, os feitos reclasificados como enfermidades foron moitos. Deste xeito chegamos a considerar que as fobias, os actos delicitvos, o divorcio, o homicidio, a adicción, etc. son – case sen límite- enfermidades psiquiátricas, o cal constitúe un erro enorme e moi custoso. […] O feito de incluír a algúns individuos ou grupos na categoría de persoas enfermas pódese xustificar en termos de convivencia social, pero é imposible facelo mediante observacións científicas ou argumentacións lóxicas.

Thomas Szasz, O mito da enfermidade mental,1961

4 pensamentos sobre “notas fugaces e contundentes sobre a medicina

  1. Enorme o post, un dos máis logrados que lle teño lido e, quero aclarar, léollos todos (aproveito para felicitala tamén polas imaxes que selecciona de acompañamento, algunha é especialmente redonda: as mulleres cos gatos polas correas, por exemplo).
    Encántame o símil do taller, nunca se me tería ocorrido a pesar de que o asunto dos partos ergonómicos para quen asiste sempre me pareceu de xulgado, sobre todo despois de ter vivido a experiencia (non era eu o que paría) en carne propia (poñamos ‘case’).

  2. Sinto disentir de (alomenos) parte do contido do post. A parte mais interesante da cita de Szasz (que conta con toda a miña admiración) é a última: 1961. Todo isto era aplicable nos 60, cando realmente non tiñamos moita idea das bases da enfermidade mental e a loucura aparecía como un misterio insondable e incomprensible. Por sorte ou por desgraza, as bases biolóxicas dalgunhas doenzas están máis qua claras, e xa non podemos crer na utopía de que, ao cambiar a sociedade, desaparecerán os tolos. A esquizofrenia ou o trastorno bipolar son enfermidades do cerebro, cunha prevalencia/vida igual en calquera sociedade ou cultura (1% para a esquizofrenia, 3-4% para o trastorno bipolar).
    A pesar da nosa mala fama, moitos psiquiatras non estamos encaramados aos nosos carísimos zapatos (os meus son altos, pero non caros). Estamos nos ambulatorios e nas salas de urxencias, facendo de enfermeira, traballadora social, avogado e médico, todo nunha soa peza, para tratar de mellorar a calidade de vida de pacientes crónicos. Porque, aí si que che dou a razón, non temos nin idea de como curar.

  3. Grazas a ambos pola diverxencia de opinións con respecto ao post, dende a suscrición á disensión.

    Raíña Vermella, xa cando a escribía imaxinaba que unha opinión así atoparía discrepancias. Benvidas son. Szasz achegou argumentos e enfoques coido que moi lúcidos nunha época na que a psiquiatría, en efecto, atopaba máis en bragas ca hoxe, unha época na que a homosexualidade era catalogada como unha desviación mental grave. A cita de Szasz incide nese punto: na catalogación. O catálogo de enfermidades mentais varía ao longo do tempo como a propia sociedade na que se manifesta: trastorno bipolar soaría chino hai 20 ou 30 anos, polo menos aquí en Galiza. Antes era trastorno maníaco-depresivo. E moito antes, tolemia e punto. Dirán: é o mesmo. Creo que non. As palabras para nomear esa doenza son moi distintas: estigmatizar a alguén como “maníaco” achégao a Norman Bates; diagnosticalo de “trastorno bipolar” achégao a Beethoven, a Kurt Cobain ou a Virginia Woolf. Alguén rarito pero non chiflado. A homosexualidade ou o divorcio xa non se consideran a día de hoxe algo patolóxico, en troques unha infección segue a ser unha infección e un cancro, un cancro dende Galeno. Por que? Por que o que ten que ver coas enfermidades mentais varía tanto dunha época ou dunha cultura a outra? Dis que o máis interesante da cita de Szasz é a data. Por que temos que pensar que nestes case 50 anos dende entón a psiquiatría xa non dá paos de cego? Pola investigación xenética? Discrepo. Non dubido que, como ben apuntas, existan datos estatísticos que confirmen a prevalencia da esquizofrenia na sociedade e que se teñan encontrado as modificacións cerebrais ou os xens implicados na doenza. Sen embargo, sei que moitas veces hai erros no diagnóstico e, por desgraza, como saberás ben, as medicacións das que estamos falando non son betadine nin paracetamol. Son menciñas fortes e, en moitos casos, de por vida. Un mal tratamento implica unha mala vida. De por vida. Co cerebro hai que andar con moito tento porque non só é a materia da que están feitos os nosos soños, tamén os nosos pensamentos e vontades. Aí damos paos de cego.

    En canto á caricatura do psiquiatra xogador de golf con zapatos carísimos: por favor, non se debe malinterpretar esa diatriba como unha xeneralización. Simplemente eu SI coñecín profesionais así tratando a alguén próximo a min. Non dubido do bo facer de moitos outros que, con zapatos de Gucci ou de Carrefour, éme igual, son profesionais sensatos e serios que aglutinan ao traballador social, á enfermeira e ao médico nun só individuo. Oxalá houbese máis como eles. Pero, que acontece cando non é así?

    Tamén poderiamos calificar de esquizofrénica a nosa moral no tocante ao tema das drogas: as drogas duras receitadas a un enfermo mental son en moitos casos terribles, moito peores que a marihuana ou os opiáceos. Certos médicos -non todos, claro- dispensan alegremente esas substancias e manteñen unha perfecta actitude conservadora noutras materias sociais. Por aí vai a caricatura do psiquiatra golfista. É esa dobre personalidade a que me resulta lamentable e polo que penso que a psiquiatría, dentro da medicina, é caso aparte e os psiquiatras outro tipo de médicos, non parangonables a cardiólogos ou dermatólogos.

    Estou convencida de que na psiquiatría concorren a medicina, a enfermería e a asistencia social. Non creo que todo iso teña que correr a cargo dunha soa persoa pero si debe existir imbricación sanitaria nesas áreas. E incluiría a psicoloxía. Moitos dos diagnosticados psiquiátricamente talvez deberían ser atendidos por psicólogos que os axudasen a se insertar socialmente, a estimarse, a refacerse ANTES de seren medicados polos médicos psiquiatras. Por moito que queiramos aillar as bases xenéticas da enfermidade, os enfermos mentais sufren dende sempre un feroz, un ferocísimo rexeitamento social, máis que o cancro e, se me apuras, que a Sida: a delicada dimensión social da enfermidade é, pois, innegable. Os psiquiatras traballades con doenzas aínda moi tabú, das que se tapan, das que se pronuncian en voz baixa, das que pertencen a unha especie de cósmica materia escura cranial. E o impacto nos diagnosticados, nos seus amigos, nas súas familias… asegúroche que é unha bomba.

    Coas opinións do post non pretendía ofender personalmente a ninguén, dende logo, aínda que non son tan parva como para non ter calculado que iso podía darse. Asumo que poden tratarse de opinións molestas para os profesionais do sector, para os obstetras, as matronas e os psquiatras. Precisamente as emito porque me encantaría que se evolucionase máis neses eidos, non con ánimo de desbardallar ou amolar. Éme moi interesante contar coa opinión de primeira man de alguén do campo da psiquiatría: procuro informarme todo canto podo do que ten que ver tanto coa neurociencia como coa mente. Non tiña nin idea de que te dedicases a iso. Como profesión paréceme marabillosa, fascinante. Quizais vai sendo hora doutra revolución como a freudiana no campo da mente, algo que volva a unha lectura de discurso do pensamento [como a denostada, tamén por min, psicanálise] e non a unha administración de neurolépticos e psicotrópicos. Algo máis humanístico, máis cienciasocial. Se cadra estou trabucada e os tiros non deben ir por aí, senón máis preto da localización exacta da enfermidade mental a nivel xenético. Pero iso seméllame buscar unha agulla do 2 nun palleiro do tamaño de Conxo.

    En calquera caso, graciñas de novo polo enfoque e as túas razóns.

    Unha aperta.

    Estíbaliz…

  4. No caso da psiquiatria é algo lóxico que non teña a evolución que pretendes, que todos quixeramos…non é o mesmo a esencia dun óso ou mesmo das afeccións cardiacas que os procesos mentais que inducen a un individuo a falar con xente que non existe ou seguir un extenuante e inútil ritual antes de seguir a traballar. Hai moitos psiquiatras que teñen unha enorme frustración por ser incapaces de mellorar aos seus pacientes seguindo todos os pasos posibles do protocolo, que se implican fortemente nos casos que abordan aínda con riscos para con eles. Creo na ciencia e no home e ahi é onde debemos soñar coa evolución do tratamento dos trastornos mentais, a base biolóxica que di raíña e a dimensión humanista que tamén apuntas.
    Eso si as farmaceúticas deberan ser máis transparentes e responsabeis no que sintetizan como no caso dos antidepresivos de ingresos millonarios

    http://tinyurl.com/yglncw3

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: