si

D., unha das túas bisavoas maternas, si falaba galego.

O teu bisavó: descoñecido.

Os outros bisavós supós que tamén o falarían. Pero iso non é un si.

Dos catro bisavós paternos: ningún falaba galego.

Dos teus avós, dous falaban galego e deixaron de falalo.

Os outros dous, os paternos, non podían coñecelo nin falalo.

Ningún dos teus pais falaba galego. A túa nai, contadas expresións da súa avoa. Vid. supra: D.

O teu irmán non fala galego, non estudou galego. Lía en galego.  Debuxaba en galego. Autodidacta.

Na túa nenez nunca falaches galego.

No teu barrio de clase alta ninguén soltaba prenda en galego.

Ningunha das túas compañeiras de aula deixaba caer nada en galego.

Dos teus veciños, ningún.

Nin no ascensor nin na carnicería nin no médico lembras sentir galego cando nena.

Ningún dos teus tíos, das túas curmás.

As túas mellores amig*s non se sinceraban en galego.

Aquel*s que te atraían non se silenciaban contigo en galego.

Unha profe de galego que tiveches non empregaba decote o galego.

Aos  7 anos unha monxa misioneira preguntouche na aula como se dicía ojo en galego. Tímida, aberberechada, respondiches: oxo?

Non tiñas nin idea de galego.

Hoxe falas galego.

Logo de tantos nons un si.

Con tanto en contra, un si.

Disque o galego é unha cuestión que divide aos cidadáns. Un dilema. En realidade non se trata do galego, senón da usabilidade, que está vencellada estreitamente á nosa idea de futuro. En nome do que pensamos futurible cometemos moitas idioteces, os humanos. O que aseguramos que hoxe é futuro [inglés, internet, xenética] talvez non o sexa mañá. Todo se atopa nun mercado de valores, un mercado simbólico. De especulacións. De espellos, si. De espellismos, de miraxes,  tamén. As nosas ideas de futuro ás veces aproxímanse un pouco, un pouquichiño, ao que será. Con todo, a meirande parte das veces resultan inxenuas.

Quen coida que un idioma non serve para nada en tanto que outro si, sen dúbida descoñece por completo como funciona o noso cerebro, os seus enigmáticos e xeniais hemisferios. Unha lingua cabléanos o intelecto. Conéctanos á outras épocas. Viaxa no espazo. Viaxa no tempo.  Pero non crean, non sempre ao pasado.

Unha lingua que se recupera tamén é futurible porque entraña unha creación colectiva. Un abismo. Unha nova especulación humana. Non sabemos se nos fará mellores ou peores, nin máis ou menos intelixentes. Pero tece unha rede social, unha nasa de dendritas. Un trasmallo neuronal, afectivo, incriblemente potente. Isto non é un panfleto, eu non dou o perfil panfletario. Para nada. Non todo o colectivo supón o menos malo.

Falar galego é tamén un xeito de dar un si tras moitos nons.

Sen máis.

5 thoughts on “si

  1. Si, si.
    p.d.: segue vostede mantendo un especial sentido estético na selección de imaxes, penso que son un coherente sinal identitario do seu blog, polo menos para min.

  2. Eu entendo e respeto a súa loita por algo que che parece tan importante, pois é o que semella ser para ti a lingua galega. Gustaríame coñecer algunhas cancións desta lingua! Que lle indicábame?
    O que me di desta tradución para a súa lingua? Está moi pobre e ofensivo?
    Vostede prefire que lle diríxase a palabra en portugués do Brasil mesmo?

  3. Si, Marcelo, entendo o portugués e o brasileiro, non todas as palabras, pero si o sentido xeral dos textos. É o mesmo idioma que o galego. Éme moito máis doado de captar que algo traducido automaticamente. Aínda que tampouco me parece ofensivo o resultado. Surrealista, en cambio, si :]

    Cancións en galego que eu lle recomende: toda a música do grupo instrumental Milladoiro, Ataque escampe, Berrogüetto, Lamatumbá, Nordestin@s, Mercedes Peón, Emilio José, cantareiras e pandeireteiras de toda caste [son incribles, rabiosas, estratosféricas] e temas clásicos do folk: Os teus ollos, Fía na roca, Camariñas, Alalá das Mariñas, Non sei, Negra Sombra…

    Músicos galegos que cantan noutro idioma: Siniestro Total, Xoel ou Nouvelle Cuisine. E noutro estilo, pois poñamos a Andrés Gaos e Marcial del Adalid.

    Cabe matizar, por último: non me dedico á loita profesional a prol de case nada en concreto. Apoio algunhas causas para as que atopo argumentos pero descreo do panfletismo. A todos os niveis [individual e social].

    Grazas polo interese e os comentarios.

  4. Muito agradecido por sua paciência em me mostrar algumas destas canções!
    Vou ouvir e depois te digo o que achei, mas já te adianto que gostei muito da
    instrumental Milladoiro. Bem legal!
    Não gosto de erguer bandeiras e lutar por ideais também, pois posso mudar de opinião e ficar mal com as pessoas!!!
    Ah! realmente em um tradutor automático fica rorbótico mesmo!:)
    Um beijo e nos vemos… ei! me visita também… seja gentil!rsrsrs
    Até!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s