Paso días escoitando a dous grupos que, salvando as distancias, esas que dentro dun tempo difuminaranse [en moito menos de 100 anos], salvando as distancias, digo, aseméllanse.
Uns son xeniais, abisais, vertebrais, über alles, coñecidos malia non faceren unha música moi comercial.

http://www.youtube.com/watch?v=F2ztWvuyXeU
As guitarras ambientais de Paranoid Android, Pyramid Song, Reckoner, Exit Music for a film ou este tema, These are my twisted words, cambian de atmósfera varias veces nunha mesma unidade instrumental. Coido que sen querelo representan o cambio climático: nos seus temas tan pronto lucen puntiños fotográficos de sol como se suicidan glaciares.
Por exemplo, quen esperaba esa mutación de tonalidade [unha modulación, creo] no minuto 1:20 de These are my twisted words? E é esta pregunta unha frikada? [sospeito que o é]
[…]
Os integrantes do segundo grupo que escoito non foron menos xeniais, abisais e vertebrais pero iso si: infracoñecidos e cero comerciais. A liña de guitarra deste tema que en youtube penduraron mutilado [Three friends en realidade dura 4 minutos] é incrible, inesperada xa que vén dunha parte musicalmente moi arisca. Ábrese así de súpeto, como unha transfusión de melodía, formando a coda dun tema que non tiña nada que ver ata entón:
http://www.youtube.com/watch?v=INHWG2xp7sM
Se lles formiguea a curiosidade por esta música tan off de modas, aquí poden escoitar o tema completo:
http://www.youtube.com/watch?v=JvNzZ7RXQtM


Como acontece con Radiohead, os temas de Gentle Giant atravesan varias capas atmosféricas, sen acabar de cadrar exactamente no esquema de cantiga convencional: estrofa+retrouso+estrofa+ponte+retrouso final e as súas variantes populares.
Lévanse máis de vinte anos. No fondo, son da mesma época. E pode que dende unha perspectiva moito máis cósmica ocupen o mesmo nicho musical que Messiaen, Coltrane, Mahler ou Machaut.